As toxinas pechan o marisqueo co prezo da ameixa polas nubes

É o cuarto parón que afronta o sector no que vai de ano nas praias do fondo da ría de Pontevedra e o primeiro desde 2016 por altos niveis de ASP, a toxina amnésica

undefined
photo_camera Útiles dun mariscador. ARQUIVO

Pau para o marisqueo. As toxinas volveron pechar as praias do fondo da ría de Pontevedra. Así llelo comunicou este venres o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar) ás tres confrarías que se dedican á extracción de bivalvos. O organismo autonómico detectou altos niveis de ASP, a denominada toxina amnésica. É a primeira alerta deste tipo que afecta os areais pontevedreses desde 2016. 

O consumo de moluscos afectados por estas substancias pode xerar problemas de saúde nas persoas. Nos casos leves, a ASP afecta ao aparato dixestivo, podendo ocasionar diarrea, vómitos ou dores estomacais. Nos casos máis graves, perda de memoria e debilidade, posto que esta biotoxina afecta o sistema nervioso. 

O cesamento obrigatorio da actividade pillou por sorpresa o sector, que afronta o cuarto peche por toxinas no que vai de ano. Os tres anteriores producíronse en abril e en menos de 15 días. 

A ameixa fina superou os 64 euros por quilo e a xapónica alcanzou os 20 esta semana. Son valores case iguais aos de Nadal

A resolución do Intecmar podería facer perder a xornada laboral deste venres dos mariscadores, que podían recoller ata dez quilos de ameixa xapónica e un de berberecho nos bancos dos Praceres e Combarro. Os compradores poden devolver a mercancía adquirida na poxa que se realiza na lonxa de Campelo. 

OS PREZOS. O episodio de ASP non só afectará á zona V, a máis próxima a terra, senón tamén á IV, a que se sitúa inmediatamente despois do fondo da ría de Pontevedra. 

A nova alerta biolóxica chega co prezo da ameixa polas nubes. Durante toda a semana, o bivalvo marcou valores case iguais aos da campaña de Nadal, cando o marisco alcanza o prezo máis elevado do ano con motivo das festas. 

A poxa da rula poiense deixou marcas que o sector considera "históricas". A fina de tamaño extra, a máis grande, superou os 64 euros por quilo e a japónica alcanzou os 20. 

O parón no sector marisqueiro afectará ás 438 persoas que, segundo o plan de explotación, traballan na extracción de bivalvos nos areais pontevedreses.

Comentarios