Traballadores de Elnosa rexeitan o peche da fábrica de Lourizán

O alcalde de Pontevedra suxire aos empregados que "culpen" á empresa por "incumprir" o compromiso de buscar outra localización

Planta de Elnosa en Lourizán. GONZALO GARCÍA
photo_camera Planta de Elnosa en Lourizán. GONZALO GARCÍA

O comité de empresa de Electroquímica do Noroeste S.A. (Elnosa) considera "absolutamente impresentable" o peche da fábrica de cloro de Lourizán por silencio "administrativo" ante a falta de comunicación de Costas do Estado ao expediente de caducidade da concesión para prorrogar a cesión de terreos que ocupa na Ría de Pontevedra.

En rolda de prensa, o secretario de organización de CC.OO., Xosé Luís García Pedrosa, indicou que "non existe ningunha xustificación" para que non se dea unha "resolución expresa" por parte de Costas ao expediente de caducidade da concesión, rexeitando que esta falta de resposta "presupoña que se tome unha decisión de peche da empresa". "Non o imos permitir baixo ningún concepto", engadiu.

A concesión termina o domingo 29 de xullo e os traballadores consideran que "a empresa ten que ter continuidade na súa actividade" na fábrica de Lourizán máis aló desta data. "É unha opinión que nos congratula que sexa compartida pola Xunta de Galicia", asegurou García Pedrosa.

O Comité de empresa e CC.OO. anunciaron que retomarán as mobilizacións se no prazo dun mes non hai unha resolución por parte de Costas.

"ELNOSA NON ESTÁ PECHADA". O dirixente de Comisións Obreiras insistiu en que "Elnosa non está pechada" e cargou contra os "enterradores" que se equivocaron ao dala por "finiquitada" pola "súa falta de respecto e sensibilidade cara aos traballadores".

A principios de mes o grupo portugués CUF, propietario de Elnosa, anunciou ao comité de empresa que pechará a súa fábrica de Pontevedra o próximo 29 de xullo "por non dispor de título xurídico" para poder seguir producindo, xa que podería ter problemas legais. "Nós entendemos, á vista da posición da Xunta de Galicia, que iso non vai ser así", comentou García Pedrosa.

Pola súa banda, o presidente do comité de empresa, Avelino García, explicou que nos últimos meses, estiveron desmantelando a tecnoloxía de mercurio.

Agora complétase a segunda fase do Ere e marchan outros 16 traballadores, polo que a partir do día 29 xa só quedarán en persoal 28 "que seguirán coa súa actividade". Trátase de persoal administrativo, comercial e operarios "que farán o que lles manden", enunciou.

RESPOSTA DE LORES. O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, sinalou este martes o "incumprimento" dos compromisos adquiridos no seu momento pola empresa Elnosa coa Xunta "de buscar unha alternativa de localización para manter a actividade económica nun polígono industrial estratéxico". Así, o rexedor local recomendou que "os traballadores" teñen que "botar a culpa á empresa por non facer os deberes".

O rexedor nacionalista recordou que xa se sabía hai moitos anos que Elnosa "tiña que pechar" e criticou que "se aguantou ata agora foi porque a administración fixo a vista gorda" xa que, segundo dixo, estívose producindo con mercurio "ilegalmente e sen sentido común", e ademais a cloreira carece de avais urbanísticos. "Iso non ten nin pés nin cabeza", esgrimiu.

"Aínda que quixéramos que esa empresa seguise producindo aí, é imposible totalmente" concluíu Lores en referencia a toda "a lexislación ambiental, sectorial, urbanística, etcétera".

Comentarios