Traballadores do SPIF esixen a creación urxente de listas para funcionarios

Decenas de traballadores pontevedreses do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais reclaman que se valore a súa experiencia e os exames superados
Una brigada en una intervención en un incendio. ADP
photo_camera Una brigada en una intervención en un incendio. ADP

Decenas de traballadores pontevedreses especializados na extinción de incendios urxen á Xunta a creación, sen máis dilación, de novas listas de contratación para persoal funcionario, nas que se puntúen a totalidade dos méritos.

A reclamación xorde por mor da oposición celebrada o ano pasado, na que houbo persoal que aprobou o exame sen chegar a obter praza e que agora se atopa con que non hai listas nas que se valore este exame ou a súa experiencia como funcionario.

A situación levou á CIG a impulsar unha campaña de recollida de firmas para emprazar á Administración autonómica a crear esas novas listaxes para o Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais (SPIF) na categoría de funcionario.

As fontes consultadas explican que, habitualmente, nas listas de contratación avalíanse a "experiencia profesional" na mesma categoría e os exames superados no "proceso selectivo". Con todo, matiza que os afectados só teñen agora mesmo a posibilidade de inscribirse nas listas que xa existían, as de persoal laboral, de modo que a Administración non ten en conta nin a OPE de 2023 nin hai forma de computar os contratos que se produzan como persoal funcionario.

Como consecuencia, estes traballadores atópanse con menos puntuación e, por extensión, con menos posibilidades de acceder a un posto de traballo para o que en moitos casos superaron as probas oficiais.

A CIG calcula que a nivel Galicia hai máis de 1.000 afectados, entre os que se atopan profesionais de distintas categorías, como as de emisorista, vixiante, bombeiro e condutor. Ademais, explica que, así como noutras seccións da Administración está a integrarse persoal laboral e funcionario nunha mesma lista, no caso do servizo de incendios non parece moi viable, "xa que hai preto de 1.000 traballadores que non pódense converter en funcionarios porque son fixos-descontinuos".

Preguntadas sobre esta reclamación, fontes da Xunta aseguran que a Consellería do Medio Rural e a de Facenda están a traballar conxuntamente para atender esta demanda e "crear listas de contratación de persoal funcionario vinculadas aos servizos de prevención de incendios".

Comentarios