Un trasno nos Xardíns de Marescot

O carpinteiro Santiago Castro converterá o tronco dun cedro situado a carón da Facultade de Belas Artes nunha escultura de case cinco metros

O carpinteiro e artista Santiago Castro traballando este semana na figura do trasno. JAVIER CERVERA
photo_camera O carpinteiro e artista Santiago Castro traballando este semana na figura do trasno. JAVIER CERVERA

Facer dunha árbore morta unha obra de arte. Ese foi o obxectivo co que Santiago Castro comezou este mes a esculpir o tronco dun cedro nos Xardíns de Marescot, a carón do Ambulatorio Virxe Peregrina e da Facultade de Belas Artes. "Cando lle vin a forma tiven claro o que ía facer", asegura o carpinteiro marinense, autor doutras impactantes obras en madeira como as que hai no parque da Granxa de Briz (Marín).

A peza de Marescot representará a figura dun trasno e terá 4,80 metros de alto. A iniciativa forma parte da nova edición de Ponteguapa, o programa co que o Concello de Pontevedra lle dá a benvida á primavera con distintas actividades. "Está a ser un traballo moi gratificante", asegura Castro.

Na súa labor, o artista está a usar dúas motoserras de distintos tamaños, gubias e trenchas. "Hai que ser moi preciso e ter moita paciencia para non pasarse. Se das un paso en falso, non hai volta atrás", sinala.

A escultura, que estará rematada a mediados de maio, renderá a súa particular homenaxe ós universitarios de Belas Artes cun pincel de gran tamaño. A figura estará recuberta dun barniz especial para alongar a súa vida útil. Tamén se lle aplicará un funxicida para evitar o efecto de posibles pragas. A maior parte da peza manterá o ton madeira. Só a caperuza e o pincel serán de cor verde.

O trasno de xardín irá acompañado dunha dedicatoria, a mesma que Santiago Castro dá a todas as súas obras. Levará o nome dun amigo seu: Gerardo.