Os tripulantes do Benirrás incriminan a Carlos Silla e explican ao detalle a operación das 4 toneladas de cocaína

Os acusados están a relatar con todo luxo de detalles o modus operandi da maior rede internacional de transporte de cocaína en veleiros
Antolín Fernández Pajuelo en el juicio. DP
photo_camera Antolín Fernández Pajuelo en el juicio. DP

A Audiencia de Pontevedra acolle na mañá deste xoves unha histórica declaración na que os narcotraficantes están a relatar con todo luxo de detalles o modus operandi da maior rede internacional de transporte de cocaína en veleiros ata a súa desarticulación entre 2020 e 2021. Antolín Fernández Pajuelo, que patroneou e afundiu o veleiro Benirrás, confesou que o fixo ao servizo de Carlos Silla, que lle pagaría 800.000 euros pola travesía, diñeiro que non chegou a recibir. Explicou que o barco partiu de Huelva e que navegou xunto a un segundo galego, Daniel S., e ao notario da organización suramericana, Oswaldo T. Explicou, ademais, que o xefe e dono do barco era o citado Silla e tamén incriminou ao seu pai, o avogado Fernando Silla. 

Relatou que a droga foi cargada en Brasil, que eran máis de 4.000 quilos, e que se atopou con dúas lanchas a unhas 100 millas da ría de Arousa. Confirmou que posteriormente navegou cara ao Sur e que a idea era subirse a outro veleiro para facer unha nova operación, pero ante a mala mar e a recomendación de Silla decidiu afundir o barco e saír en zodiac xunto a Daniel S. polo porto da Guarda.

Daniel declarou a continuación confirmando os mesmos detalles que Pajuelo e dixo que ía cobrar 50.000 euros polo traballo, e mostrou o seu arrepentimento polo que fixo.

Un e outro sinalaron que consumían drogas no momento dos feitos e incluso no propio barco. A vista oral continúa durante a mañá deste xoves cos seguintes testemuños.

Comentarios