UGT concede o Premio 8 de Marzo a Sylvia Rosales, a primeira en lograr a redución de xornada por maternidade

Foi a primeira empregada de supermercado que reclamou e conseguiu unha redución de xornada por maternidade
A empregada de supermercado Sylvia Rosales. UGT PONTEVEDRA
photo_camera A empregada de supermercado Sylvia Rosales. UGT PONTEVEDRA

A primeira empregada de supermercado da provincia de Pontevedra que reclamou e conseguiu unha redución de xornada por maternidade, a marinense Sylvia Rosales García, será a muller que reciba este ano o Premio 8 de Marzo de UGT Pontevedra-Arousa-Deza. O acto de entrega do galardón terá lugar o vindeiro luns, ás 11.00 horas, na sede do sindicato en Pontevedra.

"Sylvia Rosales García entrou no mundo laboral con 17 anos, incorporándose ao sector da alimentación no 2001, ano no que tamén se afiliou a UGT", explica o sindicato. "A loita polos seus dereitos laborais e os das súas compañeiras levouna a dar un paso adiante e converterse en delegada sindical". Foi secretaria de Organización da Federación de Servizos Mobilidade e Consumo de UGT Pontevedra.

"A loita polos dereitos, o respecto e a dignidade das traballadoras e traballadores está gravado no seu ADN, unha herdanza da que se sente especialmente orgullosa". Segundo informa UGT, a súa tía avoa foi Carmen Pesqueira Domínguez, "A Capirota", defensora da clase traballadora asasinada por falanxistas o 18 de agosto de 1936.

A loita pola conciliación marcou a súa traxectoria. "Ela foi quen de obter en 2004 a primeira redución de xornada por maternidade e abrir un camiño sen volta atrás, e estivo e está á beira das súas compañeiras para axustar horarios que lles permitan compatibilizar a crianza co traballo, reclamar dereitos recoñecidos e loitar pola mellora das súas condicións laborais e de vida". 

SEN MEDO. En palabras facilitadas por UGT, a premiada recoñece que, aínda hoxe, o sindicalismo é un mundo de homes. "Hai poucas mulleres, elas si se afilian, apoian mobilizacións... pero non dan o paso adiante para poñerse á fronte". Esta realidade, segundo o sindicato, ten que ver con que sobre as mulleres seguen recaendo os coidados. "Nos supermercados as mulleres somos maioría, nos hospitais somos maioría, criamos aos nosos fillos e fillas, coidamos ás nosas familias... Se nós paramos, para todo. Somos nós as que levamos o mundo, non hai que ter medo". 

UGT engade que, con este premio, o sindicato quere homenaxear ao colectivo de traballadores da alimentación, que estivo en primeira liña durante a pandemia e que non está o suficientemente recoñecido.