Ultimato para a mellora da avenida de Lugo

A asociación veciñal Moldes-Mourente ameaza con levar ao Concello ao Xulgado para obrigalo a emendar as deficiencias do viario
photo_camera Beirarrúa deteriorada. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Beirarrúas inaccesibles para persoas con mobilidade reducida, falta de limpeza e incluso algunha focha son algunhas das deficiencias que presenta a avenida de Lugo —en concreto no tramo situado entre as rotondas onde está situado o Burger King e a sede da Sociedade Cutural e Deportiva de Mourente— e das que a asociación Moldes-Mourente deu conta ao Concello a través dun documento e dunha completa reportaxe fotográfica.

O presidente da entidade veciñal, Eulogio Sartier, presentou a través do Rexistro Xeral do Consistorio un escrito no que denuncia o "mal estado" que presenta o viario a cuxas marxes se atopan numerosos negocios, entre eles tres supermercados, catro concesionarios e talleres de automóbiles, un ximnasio, un establecemento de deportes e unha oficina de Correos.

"Fago responsable ao Concello dos danos que se poidan producir a peóns e, en particular, a persoas con mobilidade reducida", advirte Sartier. Incluso non descarta recorrer á vía xudicial para obrigar á Administración local a actuar neste viario, que está nunha zona cara á que se expandindo o centro urbano.

"é inadmisible que o Concello vaia presumindo de modelo de cidade por toda España e que continúe habendo problemas de accesibilidade como os que se rexistran na avenida de Lugo", subliña o dirixente veciñal.

Ademais, Sartier asegura que leva esperando desde fai máis de dez anos por unha entrevista co alcalde.