miércoles. 12.08.2020 |
El tiempo
miércoles. 12.08.2020
El tiempo

'A Ultreia', a piques de unir Pontevedra e Tui por terceira vez

Algúns participantes das pasadas edicións de 'A Ultreia' en plena ruta. GONZALO GARCÍA (ARQUIVO)
Algúns participantes das pasadas edicións de 'A Ultreia' en plena ruta. GONZALO GARCÍA (ARQUIVO)
A marcha de sendeirismo adáptase ás medidas en vigor para previr a posibilidade de contaxios

173 persoas decidiron unirse á terceira edición de 'A Ultreia', unha iniciativa organizada por Sar Comunicación e que conta coa colaboración do Diario de Pontevedra e o respaldo do plan social de Ence. Un número de persoas que, sen dúbida, nunha situación tan particular como a que se está vivindo, deixa entrever as ganas que ten a xente de volver vivir experiencias como a que ofrece a ruta de sendeirismo que une Tui con Pontevedra.

A recollida de dorsais e da bolsa de participación poderá realizarse a partir da tarde deste xoves na sede do Diario de Pontevedra (rúa Lepanto número 5 de Pontevedra), entre as cinco e as oito da tarde. Este venres, esta recollida estará habilitada desde as 10.30 ata as 13.45, así como desde as 16:30 ata as 19:30 horas. O sábado, os horarios repetiranse de mañá, mentres pola tarde poderase efectuar desde as 17.00 ata as 19.30. En Tui, pola súa banda, os dorsais entregaranse na oficina de Turismo, á beira da catedral, tanto o sábado como o domingo. O primeiro dos días, desde as 17.00 ata as 21.00 horas e, o segundo, desde as oito da mañá ata que dea comezo a ruta.

Os autobuses, á súa vez, sairán o domingo ás oito da mañá da estación de Pontevedra e desde O Porriño, na rotonda de Deportes González, ás 08.20. A saída dos autobuses, ademais, producirase unha vez que estean cheos ou, de non darse o caso, cinco minutos logo da hora marcada en cada punto. O uso deste servizo deberá notificarse antes das 15 horas deste venres. Poderá realizarse tanto en [email protected], [email protected] como no teléfono 986011100 ou na propia sede do Diario de Pontevedra.

A saída farase de forma gradual en distintos grupos de 25 persoas

Referente ás medidas de seguridade derivadas da situación actual, antes de subir ao autocar tomaráselles a temperatura a todos os participantes. No caso de que algún supere os 37"5 graos, esperarase dez minutos e volveráselle a realizar a proba. Ao acceder ao bus, tamén, deberán utilizar o hidroxel. Xa dentro del, será obrigatorio o uso da máscara. Rógase, doutra banda, evitar na medida do posible as aglomeracións, respectando sempre as distancias de seguridade estipuladas polos protocolos sanitarios.

Á marxe das saídas de autocares de Pontevedra e O Porriño, tamén haberá recollidas durante a propia Ultreia que non será necesario confirmar. Estas daranse no propio O Porriño ás 13.30 horas, na rotonda do Gadis; en Redondela, polas inmediacións do albergue, ás 18.30; e en Arcade, na Avenida Castelao, á entrada do Camiño de Santiago (N-550), ás 20.00.

No concernente ás retiradas dos participantes, xa sexa a través de vehículo propio ou no autocar da organización, estes deberán comunicalo no teléfono 607968461, que só estará habilitado durante o propio domingo. No caso dos autocares, estes partirán desde O Porriño, Redondela e Arcade ata a estación de autobuses de Pontevedra.

Centrados nas medidas da ruta, a saída farase de forma gradual en distintos grupos de 25 persoas, co imprescindible uso da máscara sempre que non se poida gardar a distancia de seguridade e intentando manter esta en a medida do posible. A chegada de 'A Ultreia', no albergue de peregrinos, non contará este ano con servizo de fisioterapia por mor da pandemia.

'A Ultreia', a piques de unir Pontevedra e Tui por terceira vez
comentarios