Un imposto para os eucaliptos

IES LUÍS SEOANE ►Cristina Gil e Sabela Solla son as dúas alumnas do instituto de Monte Porreiro que a semana pasada participaron no XXII Encontro Internacional de Jovens Cientistas das Escolas Associadas da Unesco, celebrado en Santarém (Portugal)
As estudantes pontevedresas con participantes doutras escolas galegas. CEDIDA
photo_camera As estudantes pontevedresas con participantes doutras escolas galegas. CEDIDA

A loita contra a desertificación: o grande desafío para a xuventude foi o tema elixido para a edición deste ano do Encontro Internacional de Jovens Cientistas das Escolas Associadas da Unesco, un foro ao que o IES Luís Seoane leva asistindo desde a súa segunda edición, hai 21 anos e que reúne a mozos científicos de todo o mundo. Nesta ocasión as representantes foron as alumnas Cristina Gil (1º de Bacharelato) e Sabela Solla (4º da ESO), que acudiron a Santarém (Portugal) acompañadas da vicedirectora do instituto, María Xosé Dourado, que tamén é a responsable no centro do PEA-Unesco, e da coordinadora estatal da Rede de Escolas Asociadas á Unesco de España, a pontevedresa Luisa Márquez.

Sabela e Cristina cos seus dous pósteres ao fondo. CEDIDA
Sabela e Cristina cos seus dous pósteres ao fondo. CEDIDA
 

Na Escola de Sa da Bandeira, un edificio centenario aínda que modernizado, coincidiron con estudantado doutros 15 centros educativos de Brasil, Estados Unidos, Andorra, Italia, Alemania e Portugal. De España, ademais do colexio Los Abetos (Madrid), asistiron o CPR Eduardo Pondal (Cangas), que debutaba neste foro, e o IES Pazo da Mercé (As Neves).

"Empezamos a traballar en outubro, a investigar e buscar información sobre a desertificación no pulmón verde español, que é Galicia, e a súa vulnerabilidade", explicaban Cristina e Sabela desde o país veciño o pasado sábado, xusto antes da clausura. Tiveron que elaborar cadanseu póster ilustrado sobre o tema, ademais de preparar a presentación que fixeron en inglés e español para un auditorio internacional baixo o lema común O planeta azul está a mudar de cor!.

MULCHING. As mozas pontevedresas sosteñen que, por agora, na comunidade "hai pouco territorio desertificado, pero se seguimos así aumentará" debido a fenómenos como os incendios forestais, o cambio climático e a actividade humana, así como a eucaliptización, a agricultura intensiva ou a contaminación de acuíferos. Aínda que é moi difícil frear esta tendencia, si hai exemplos de boas prácticas como o mulching, un acolchado vexetal "para tentar que a terra volva ser fértil despois dun incendio e que se poidan plantar novas árbores" atendendo á diversidade.

Por iso o monocultivo de eucalipto lles parece de todo menos axeitado. "É moi negativo. Unha plantación de eucalipto debería ir ligada a un imposto que contribuíra a revertir esta tendencia de desertificación", propoñen. "Hai que darlles máis importancia ás especies autóctonas".

Sabela e Cristina, que forman parte do Comité Unesco do Luís Seoane, xa tiñan moitas ganas de ir ao foro de Santarém o curso pasado. "Falárannos moi ben e, certamente, é unha experiencia moi boa. Aprendemos moito e fixemos amigos doutros países".

Na súa exposición abordaron a situación galega respecto ao cambio climático e á acción humana. Cristina considera que "podemos frear a situación, pero volver atrás é practicamente imposible".

VISITAS. A participación no encontro internacional non quedou cinguida á biblioteca, onde tiveron lugar as exposicións do estudantado e as diversas comunicacións, senón que incluíu visitas de estudios a varios enclaves portugueses relacionados co tema elixido.

Así, o sábado desprazáronse a Évora, unha cidade declarada Patrimonio da Humanidade pola Unesco; Monsaraz, o encoro do Guadiana e Alqueva para descubrir se o Alentejo se convertirá no futuro nun deserto ou se, pola contra, será un oasis de oportunidades.

Monsaraz, unha freguesía moi próxima á fronteira estremeña, conta cun conxunto megalítico "dos máis grandes de Europa", segundo María Xosé Dourado. Alí víñase practicando unha agricultura intensiva de cereal "que foi cambaidas pola plantación de oliveiras e frutais, o que creou un grave problema de desertificación, xa que se transformou unha paisaxe a lo loco pasando de secano a regadío".

A participación no foro tamén incluíu viaxes en tren, pernoctación en hostels e xantares e ceas en común cos outros estudantes e docentes, algunhas delas ofreidas pola Cámara Municipal de Santarém e a propia ANPA da escola, polo que estudantes e docentes fixeron unha auténtica piña.

"Foi unha experiencia fantástica, non só o traballo científico e as presentacións, senón también a convivencia", polo que non é estraño que o alumnado do Luís Seoane deveza por apuntarse. "Son catro días fóra, unha mistura de idiomas...".

Esta interacción con outros centros é fundamental e, de feito, destaca Dourado, "un dos obxectivos do desenvolvemento sostible é o traballo conxunto entre institutos". Tanto é así que o IES das Neves e a Escola Sá da Bandeira xa acordaron organizar un Erasmus conxunto para dous anos.

En 2021. Como erradicar o traballo infantil nun futuro sustentable?
Na última xornada do encontro desvelouse o tema que abordará o encontro no vindeiro ano: Economía vs. Ética: como erradicar o traballo infantil pra forxar un futuro sustentable? A data prevista nun principio será entre o 13 e o 16 de xaneiro.

A elección do tema non é casual, pois a ONU declarou o 2021 como o Ano Internacional para a Eliminación do Traballo Infantil, un dos obxectivos prioritarios na Axenda 2030 que, de feito, xa debería ser unha realidade cinco anos antes.

Comentarios