A UVigo e a Deputación recoñecen a catro alumnas como referentes STEM

A presidenta provincial, Carmela Silva, e o reitor, Manuel Reigosa, fixeron entrega dos premios GirlGeekCovid enmarcados na Cátedra Feminismos 4.0 nun acto telemático
Silva e Reigosa presidiron o acto de entrega dos galardóns 'GirlGeekCovid'. DP
photo_camera Silva e Reigosa presidiron o acto de entrega dos galardóns 'GirlGeekCovid'. DP

O último informe do Observatorio da Igualdade da UVigo relativo a 2020 destaca que as alumnas son maioría en todos os eidos do coñecemento nesta institución académica, excepto no da enxeñaría e a arquitectura, no que representan tan só o 23% do total do estudantado matriculado. Avanzar no fomento de vocacións científicas e técnicas entre nenas e mozas antóxase imprescidible, tal e como indican desde a UVigo, para evitar que a fenda económica e salarial no futuro aínda sexa maior. Ese é o obxectivo dos premios GirlGeekCovid, unha iniciativa posta en marcha este curso pola institución académica e a Deputación de Pontevedra no marco da Cátedra Feminismos 4.0.

A entrega dos galardóns ás gañadoras tivo lugar este xoves, coincidindo coa celebración do Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia, malia que se levou a cabo de xeito telemático por mor da situación sanitaria. Estes galardóns recoñecen a traxectoria de catro estudantes de Ciencias e Enxeñería da UVigo. As premiadas nas categorías de Ciencias e Enxeñería foron Ana Ramírez (Bioloxía) e Iria Ollero (Enxeñería Biomédica), respectivamente, que recibiron 2000 euros. Pola súa banda, Laura Sánchez (Máster de Nanociencia e Nanotecnoloxía) e Marielena Márquez (Enxeñería de Telecomunicación) lograron un accésit, dotado con 1000 euros, nesas respectivas categorías.

O xurado valorou tanto o expediente académico (nota media do expediente ata o curso 2019/2020 igual ou superior a 7 nas titulacións da rama de Enxeñería e a 8 nas titulacións da rama de Ciencias), como a motivación das mozas. A presidenta da Deputación, Carmela Silva, destacou que estes premios "son moi necesarios porque as rapazas máis novas necesitan referentes femininos que lles expliquen a importancia de cursar estas carreiras". 

Pola súa banda, o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, ademais de felicitar ás catro galardoadas, lembroulles que "aínda que volo pinten doutra cor, a igualdade real aínda está moi lonxe de chegar; no mundo STEM precisamos de moita xente co voso esforzo, capacidade e discurso". Tamén as reivindicou como "un exemplo e un referente". 

As premiadas: "Aínda queda moito camiño por percorrer" 
As catro premiadas destacaron a relevancia destes premios para dar un paso máis na visibilización das mulleres neste campo. Ana Ramírez, estudante de Bioloxía cunha nota media de 8,68, acadou o primeiro premio no ámbito das ciencias e felicitou a todas aquelas mulleres que "demostraron e continúan demostrando día a día que ser muller e ter éxito na ciencia é máis que posible". A outra galardoada, no eido da enxeñería, foi Iria Ollero, estudante de Enxeñería Biomédica, cunha media de 8,9. Lembraba que aínda que na súa titulación o 50% das estudantes son mulleres, "queda moito camiño por percorrer para que os avances no eido académico se afiancen tamén no ámbito laboral". Tamén acadaron dous accésit Laura Sánchez, estudante do Máster de Nanociencia e Nanotecnoloxía cunha nota de 7,97, e Marielena Márquez, que está a piques de rematar Enxeñería de Telecomunicación cunha media de 8,83.

Comentarios