A UVigo destinará espazos en Benito Corbal para o grao en Deseño e Creación

A oferta académica do campus de Pontevedra manterase sen cambios no vindeiro curso
A UVigo ocupará tres andares na parte superior do inmoble. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera A UVigo ocupará tres andares na parte superior do inmoble. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

A Universidade de Vigo plantexa destinar espazos propios para o novo grao en Deseño e Creación no edificio administrativo de Benito Corbal, no que a institución académica conta con tres andares na parte superior. Así o anunciou o reitor, Manuel Reigosa, no Consello de Campus celebrado o pasado xoves, nunha sesión ordinaria desenvolvida a través do Campus Remoto, segundo informou o Duvi. Nela abordouse tamén a preparación para o vindeiro curso, que, no referido á oferta de titulacións, terá como única novidade a xa anunciada posta en marcha da modalide virtual do grao en Dirección e Xestión Pública (DXP).

A implantación do futuro grao en Deseño e Creación está prevista para o curso 2021-2022. Reigosa explicou que nestes intres se setá a traballar na modificación da memoria, que debería entregarse á Xunta no mes de xullo, e na que "posiblemente nos pidan que o grao teña algunha instalación propia". Para iso, sinalou, "a ferramenta máis útil que temos sexa, probablemente, incluír espazos que agora mesmo estaban pensado para outras cousas" dentro do antigo edificio administrativo de Benito Corbal, no que a institución académica contará con tres plantas.

Por outra banda, no referido ao campus de especialización, Reigosa sinalou que "estamos neste momento nun compás de espera", xa que a convocatoria de acreditación da administración autonómica "deixa fóra" tanto ao Campus Crea como ao Vigo Tecnolóxico, ao esixir que os proxectos de especialización conten cun plan estratéxico realizado antes de 2017 con fondos da Consellería.

O campus de Pontevedra manterá "exactamente os mesmos títulos" de grao, mestrado e doutoramento, apuntou o vicerreitor de Ordenación Académica e Profesorado, Manuel Ramos, coa única novidade da modalidade virtual de DXP, que, lembrou, "será o primeiro grao do Sistema Universitario de Galicia" en contar con esta opción. Esta novidade foi cualificada como un "acerto" polo reitor, que incidiu en que se ben «as titulacións presenciais son sen dúbida a mellor opción para o alumnado novo», a opción virtual permite «captar estudantado en novos caladoiros", como alumnos doutros países de fala castelá ou persoas con emprego. Así mesmo, coa idea de "facer máis visible este grao" xunto co mestrado virtual en Dirección Pública e Liderado Institucional, Reigosa lembrou que está previsto propor a creación dunha Facultade de Dirección e Xestión Pública, na próxima sesión do Claustro, que ata o de agora non puido reunirse, xa que o "número de persoas que participan" fai necesario que se desenvolva de xeito presencial. A petición desta facultade propia conta co visto bo da Xunta de Facultade desde o pasado mes de febreiro.

EXAMES. Así mesmo, confirmouse que a UVigo non contará con ningún grao aberto no curso 2021-2022, aínda que si traballará para súa posta en marcha para o seguinte. Reigosa manifestou o seu desexo de que o campus pontevedrés tamén poida contar cun destes graos, no que o alumnado cursa materias de diferentes titulacións.

Os cambios e medidas que foi preciso adoptar, trala suspensión da actividade docente presencial e a declaración do estado de alarma, para completar un curso académico marcado pola covid-19 centraron en boa medida a sesión. "Estamos conseguindo que non se perda o curso e non deixar a ninguén atrás", salientou o reitor, Manuel Reigosa, quen incidiu no esforzo realizado nestes meses tanto polo persoal docente e de administración e servizos, que  "traballando desde as casas permitiu que todo seguise funcionando", como do alumnado, "que fixo reclamacións xustas e acaídas e que está traballando moito".

Nese senso, recoñeceu que "os exames estanse a realizar sen ningunha dificultade" de xeito telemático e "por agora os resultados semella que son semellantes aos dun curso normal". Tamén se referiu á celebración das probas da ABAU, en xullo, que serán "un pouco diferentes ás de cursos anteriores".

O programa de transformación á docencia innovadora, ao Consello de Goberno
Reigosa afondou tamén no proceso que levou ás tres universidades a acordar o Plan de impulso e consolidación das competencias dixitais como apoio á docencia presencial no SUG, elaborado como alternativa ao Programa de transformación á docencia innovadora do SUG proposto e posteriormente retirado pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional. Reigosa explicou que, nunha xuntanza celebrada o 18 de maio, a Consellería trasladoulles aos reitores unha proposta "con dous eixos fundamentais", dar un selo aos centros "que cumpriran determinados requisitos para ser considerados saudables" e un "plan de axuda para desenvolver competencias dixitais", que foi recibido de xeito positivo.

Mais o documento que desenvolvía estas propostas, engadiu, "tiña erros de base fundamentais que non nos gustaron desde o principio", o que levou aos reitores a solicitar que se abrise unha negociación e elaborar unha proposta alternativa, deixando "a porta aberta" a administración autonómica para abordalo.

Este asunto formará parte tamén da orde do día do Consello de Goberno da UVigo convocado para o vindeiro martes, 2 de xuño, e que por primeira vez a comunidade universitaria poderá seguir en directo, xa que se retransmitirá a través de UVigoTV mediante un contrasinal que lle será facilitado.

Na sesión está contemplada unha toma de postura sobre o Programa de transformación á docencia innovadora do SUG, que a Xunta presentou aos reitores e que optou por retirar ante a forte oposición manifestada por parte de diversos colectivos. «"Dado que este é un tema polémico, pareceunos acaído que se puidera seguir mediante streaming. Eu espero que, ademais de explicar a nosa postura e a nosa lectura do documento de traballo presentado pola Xunta, poidamos achegar posturas para o mellor desenvolvemento das accións de mellora que poidamos organizar no futuro próximo", detalla o reitor, que considera ademais que esta é unha boa oportunidade para falar da programación a medio prazo.

Reigosa anunciou que tamén se explicará "a nosa visión sobre o funcionamento da adaptación do final de curso á situación derivada da pandemia, pero, sobre todo, queremos debater e aprobar unha serie de medidas extraordinarias e urxentes cara á docencia do vindeiro curso". O obxectivo é "ter adiantada esta planificación que nos vai a obrigar a facer certas inversións para que a satisfacción da comunidade educativa sexa o mais alta posible".

Comentarios