A UVigo imparte novos cursos de chinés, xaponés e persa

O catálogo inclúe oito idiomas ► Un obradoiro de cociña chinesa e alemán para os negocios, entre as principais novidades

Ata oito idiomas impartiranse o segundo cuadrimestre o Centro de Linguas da Universidade de Vigo. Inglés, alemán, portugués, francés, persa, chinés, xaponés e español para estranxeiros son as linguas que se impartirán nos vindeiros meses. As principais novidades son a recuperación, tras varios anos, do curso de iniciación ao xaponés, a inclusión dun obradoiro de cociña chinesa, un curso de alemán para os negocios e novos niveis de inglés.

O prazo de matrícula para todos os cursos está aberto ata o 19 deste mes de xaneiro.

A oferta máis ampla do Centro do Linguas corresponde ao inglés, con cursos tanto en Pontevedra como en Vigo. No campus da cidade do Lérez impartirase un curso semipresencial de nivel B1.2 en quenda tanto de mañá como de tarde.

Unha das principais novidades do catálogo de cursos son os obradoiros de inglés de preparación de exames oficias niveis B1 e B2. Terán lugar nos meses de marzo e abril e haberá catro por nivel: comprensión auditiva, lectora, expresión escrita e oral.

CULTURA CHINESA. Outras das novidades é a oferta para iniciarse na lingua e tamén na cultura chinesa. Para isto, o Centro de Linguas volver a ofertar os obradoiros de caligrafía chinesa e de recortado de papel chinés aos que se une un taller de cociña que terá lugar no mes de abril.

Outro idioma oriental que volver á oferta de cursos é o xaponés, en nivel de iniciación.

O obxectivo é que o alumnado adquira catro capacidades básicas de calquera lingua: auditiva, lectora, expresión verbal e escritura. Enfatizaranse as peculiaridades propias da lingua xaponesa, como o sistema de escritura katakana, hiragana e kanji.

O curso de alemán para os negocios está destinado a persoas que, polo seu perfil profesional, teñan interese en adquirir unha competencia comunicativa básica nesta lingua, que lles permita desenvolverse en situacións de comunicación no día a día ou na contorna laboral en empresas de países de fala alemá.

A oferta para o segundo cuadrimestre inclúe un curso de introdución á lingua e cultura persa.