A UVigo inicia o seu 30 aniversario cunha firme defensa da universidade pública

Na cerimonia do seu patrón, a institución entregou case 150 galardóns aos mellores estudantes e presentou os seus desafíos, entre eles captar alumnado e talento feminino
Foto de familia do estudantado premiado co reitor, Manuel Reigosa, e a conselleira de Educación, Carmen Pomar. DUVI
photo_camera Foto de familia do estudantado premiado co reitor, Manuel Reigosa, e a conselleira de Educación, Carmen Pomar. DUVI

A Universidade de Vigo celebrou este martes o seu patrón, San Tomé de Aquino, cunha cerimonia na que premiou o traballo de preto de 150 alumnos excelentes –a maioría mulleres–, facendo unha firme defensa da universidade pública, repasando os principais logros acadados en 2019 e botando a ollada aos retos aos que se enfrontará a institución nos vindeiro anos, segundo informou o Duvi.

Un momento de la entrega de las distinciones de la UVigo. DUVI
Un momento de la entrega de las distinciones de la UVigo. DUVI
 

Este acto serviu tamén para inaugurar as celebracións do 30 aniversario dunha institución que, como salientou o reitor, Manuel Reigosa, se sente orgullosa do traballo realizado e comprometida cos retos aos que se enfrontará nos vindeiros anos. Entre estes desafíos figuran a captación de novo alumnado, tanto a nivel nacional como internacional; a renovación do cadro de docentes, pensando sobre todo na fichaxe de talento feminino, e a aposta decidida pola igualdade. Tivo lugar no salón de actos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresarias de Vigo e contou cooa participación de numerosas autoridades académicas e políticas, entre elas a conselleira de Educación, Carmen Pomar, e o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro.

Entregáronse 23 premios extraordinarios de doutoramento e outros 45 de grao, 60 galardóns de excelencia para o estudantado que comezou neste curso os seus estudos universitarios e 15 para os que iniciaron un mestrado. O palmarés completouse con seis premios Egeria á inclusión da perspectiva de xénero nos traballos de fin de grao e máster.

CALIDADE INTERNACIONAL. Mesturando a palabra coa proxección de varias pezas audiovisuais, Reigosa desexoulles aos premiados "o mellor nas vosas andainas profesionais" e lembrou que en 2020 a UVigo cumpre "30 anos facendo universidade no sur de Galicia", un período no que a universidade pública española acadou niveis de calidade internacional. Neste sentido, o reitor gabou a capacidade do sistema público de educación superior fose quen de formar "magníficos egresados con capacidade crítica e profesional, que serán quen, se se lles deixa e axuda, de tecer un futuro mellor para a sociedade".

Tamén lembrou que o SUG foi quen de asumir o reto de Boloña e de xerar coñecemento, e no caso concreto da UVigo, de "incorporarse á competencia, ocupando lugares relevantes nas clasificacións internacionais. Estamos entre as mellores universidades novas do mundo e isto é grazas ao esforzo dos nosos investigadores", aínda que, dixo, "aspiramos a máis" en materia de transferencia.

Reivindicación. "Existen eivas no financiamento do noso sistema universitario"
Reigosa recoñeceu o logro do sistema español de ciencia e tecnoloxía situándose entre os once primeiros do mundo e lamentou a ausencia de universidades españolas entre as 100 primeiras no ámbito internacional. "Existen eivas no financiamento do noso sistema universitario. O investimento en I+D despois de moitos anos achegándonos ás cifras esperables, segue a ser cativo e non está ao nivel que lle corresponde ao noso país pola súa capacidade. Precisamos máis axudas, máis flexibilidade e máis autonomía".

Así mesmo, gabou o bo facer do SUG, por ser quen acadar un elevado nivel de formación dos seus egresados, así como en investigación e transferencia, ademais de axustar a oferta de titulacións á demanda social. "Con prezos públicos moi baixos somos quen de que as galegas e galegos estuden preto da casa".

Privada? Para que?
O reitor reiterou o seu rexeitamento á implantación en Galicia dunha universidade privada, xa que non se detecta nin falta de titulacións, nin de prazas e que aspiran a que os esforzos da cidadanía a través dos seus impostos vaian encamiñados a reforzar o sistema público universitario e, deste xeito, da sociedade galega.

Tamén aludiu aos principais retos da institución: a captación de estudantado e a procura de novos docentes para rexuvenecer o cadro de persoal.


PONTEVEDRA, MOI PRESENTE


Sabela Juncal Vidal, premio extraordinario de fin de grao
"Penso que estes premios deberían ter unha dotación económica maior"

Sabela Juncal Vidal, premio extraordinario de fin de grao

O sector da moda constitúe o ámbito no que buscará centrar a súa carreira a alumna do Máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda Sabela Juncal Vidal, que recibiu neste acto tanto o premio de excelencia académica de mestrado como o extraordinario de fin de grao, como titulada en Publicidade e Relacións Públicas.

"Penso que é importante recoñecer os bos expedientes, pero tamén que os premios deberían ter unha dotación económica maior", salientou Juncal en declaracións ao Duvi. Ao mesmo tempo, incidiu en que, con independencia que "no mundo laboral non sei ata que punto son importantes", este tipo de recoñecementos "animan a seguir estudando".

No acto tamén recibiron os galardóns extraordinarios de fin de grao outros estudantes do campus: Carlos Fernández, Alba Pires, Sandra Pérez, Sabela Rivas, Javier Bustelo, Patricia López, Sheila Cotelo, Ariadna Cordal, María Estévez e Antonio Segundo.


Denise Pena, egresada de BBA AA e Premio Egeria
"O estereotipo María-Eva segue marcando as nosas vidas desde hai 2.000 anos"

Denise Pena, egresada de BBA AA e Premio Egeria

Durante o acto tamén subiu a recoller os seus galardóns o alumnado distinguido na sexta convocatoria dos Premios Egeria, de inclusión da perspectiva de xénero nos traballos de fin de grao e mestrado. Entre os seis premiados e premiadas estaba Denise Pena, egresada da Facultade de Belas Artes do campus de Pontevedra, galardoada polo seu traballo fin de grao Evas, virxes e máis eu.

Nel, explicou, quixo abordar "a dicotomía María-Eva e como ese estereotipo segue marcando as nosas vidas desde hai 2.000 anos", retratando para iso ás súas compañeiras de piso en poses idealizadas, como as da publicidade e obras de arte, e rodeadas de mensaxes de carácter reivindicativo e satírico. "Estou moi contenta de recibir este premio, pois non me quedara con todo o bo sabor de boca que debería ao presentar este traballo", indicou a galardoada, quen puxo o aceno na dificultade de evitar os estereotipos de xénero mesmo na maneira de reivindicar a igualdade.

Comentarios