A UVigo mediará nun "conflito" por un mestrado entre Fisioterapia e Educación

A Universidade e o Concello de Pontevedra asinaron o convenio para a humanización do campus e a cesión da parcela do skate-park
Jorge Soto, Manuel Reigosa e Mónica Valderrama. DUVI
photo_camera Jorge Soto, Manuel Reigosa e Mónica Valderrama. DUVI
O Concello de Pontevedra e Universidade de Vigo asinaron xa o convenio polo que a institución académica cederá a parcela na que se construirá o skate-park, á vez que a administración elaborará un proxecto para a humanización do campus pontevedrés, que contribuirá a "avanzar na transformación do campus" para facer deste un espazo "máis vivible e máis visitable". Así o salientou o reitor, Manuel Reigosa, na reunión do Consello de Campus de Pontevedra celebrada este mércores a través do Campus remoto, segundo informou o Duvi.

Nunha sesión que se completou cos informes do vicerreitor do campus, Jorge Soto, e da vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama, Reigosa lembrou a visita oficial realizada en abril ás obras de acondicionamento das plantas superiores do antigo edificio administrativo. O reitor explicou que este espazo acollerá "todo o que teña que ver co Campus Crea, que ten vocación de permanencia nese edificio" e iniciará nel a súa docencia a futura Facultade de Deseño, "cando esta sexa unha realidade".

Tamén terá nel a súa sede o grupo de investigación Post-growth Innovation Lab, do investigador Mario Pansera, que se incorporou como gañador da axuda Starting Grant do Consello Europeo de Investigación (ERC), que implicará tamén a incorporación doutros investigadores "con sona internacional" ao campus. Así mesmo, Soto referiuse as obras que se están acometer neste edificio e lembrou "que temos o compromiso de que as obras rematarán no mes de xuño" coa idea de que estas tres plantas poidan estar xa en funcionamento "a finais de ano".

POLÉMICO MESTRADO. Reigosa referiuse ao "conflito" suscitado polo Mestrado en Exercicio Terapéutico e Funcional en Fisioterapia, "proposto pola Facultade de Fisioterapia e que foi recorrido polo decano de Ciencias da Educación e do Deporte", Óscar García.

A respecto desta nova titulación, cuxa declaración de interese foi aprobada polo Consello de Goberno o pasado mes, Reigosa explicou que a Universidade buscará desenvolver en primeiro termo un labor de "mediación", a través da súa unidade neste ámbito.

Ao mesmo tempo, explicou, seguindo a proposta da asesoría xurídica, "pedimos información a persoas expertas" alleas á Universidade, xa que calquera decisión "terá que estar fundamentada con razóns xurídicas".

FACULTADE DE ENFERMERÍA. O reitor anunciou tamén que están "a piques" de completarse os trámites para a creación do novo ximnasio de Ciencias da Educación e do Deporte e lembrou que a Universidade continúa coas negociacións para a creación dunha Facultade de Enfermaría, que agruparía ás tres escolas universitarias públicas actuais existentes nos campus de Pontevedra, Vigo e Ourense, ata o de agora centros adscritos á Universidade. "Unha vez teñamos o visto bo das consellarías, comezaríamos cos traballos para a creación da facultade", sinalou o reitor, que sinalou o obxectivo de que o futuro centro conte cun "mestrado específico e finalmente cun doutoramento".

O reitor lembrou así mesmo os trámites para a conversión da agrupación estratéxica Ecobas (Economics and Business Administration for Society) nun centro interuniversitario, "do que formarán parte os tres campus da UVigo", así como o convenio recentemente asinado coa Consellaría de Política Social para o financiamento do Programa de Maiores, que "durante este ano tan afectado pola pandemia, fomos a única universidade galega e penso que das poucas de España que continuaron" con esta iniciativa.

FINANCIAMENTO. Reigosa referiuse tamén ás negociacións para a definición do novo plan de financiamento do Sistema Universitario de Galicia, que agardan poidan estar completadas no mes de setembro, de tal xeito que "poidan incorporarse as novas achegas" ao orzamento de 2022. "Estamos nun momento clave para o futuro desenvolvemento de todo o sistema universitario, e polo tanto, tamén do campus de Pontevedra", sostivo o reitor, que se referiu tamén ao novo mapa de titulacións, respecto do que amosou o seu desexo de que poidan ter "presenza na UVigo a meirande parte dos títulos postos enriba da mesa pola Consellería de Educación a través do estudo realizado pola Feuga".

Manuel Moldes dará nome á Sala X de Belas Artes
O vicerreitor abordou tamén os traballos de mellora que se acometerán na Sala X de Belas Artes, que pasará a denominarse Sala de Exposicións Universitaria Manuel Moldes, en homenaxe ao artista pontevedrés e profesor da facultade, falecido en 2017.

Por outra banda, Soto salientou que se está traballando na elaboración dun "catálogo de servizos", que achegará ás empresas información sobre os grupos de investigación do campus, así como nun convenio coa Concellaría de Universidades para a realización de actividades culturais e vinculadas ao Campus Crea e Green Campus. Tamén aludiu á estación de reparación de bicicletas, ás que se sumará un punto de recarga de vehículos eléctricos e "a próxima incorporación de bicicletas eléctricas para usuarios do campus".

Comentarios