A UVigo pedirá máis prazas para Belas Artes para atenuar o recorte pola nova titulación

Deseño e Creación implantarase no curso 2020-2021 ▶Forestais podería compartir os dous primeiros cursos co grao homólogo lugués

Manuel Ramos. DUVI
photo_camera Manuel Ramos. DUVI

A Universidade de Vigo confía en que a nova instrución da Consellería de Educación que regula a modificación da oferta de vacantes dos graos nas tres universidades galegas permita ampliar a cifra de prazas de Belas Artes para que a implantación, no curso 2020-2021, do novo Grao de Deseño e Creación non supoña un recorte drástico para a veterana titulación.

Así o explicou o vicerreitor de Ordenación Académica e Profesorado, Manuel Ramos, despois de que o Consello de Goberno da UVigo aprobara o pasado mércores, por segunda vez, a declaración de interese para Deseño e Creación. "Agora empeza o proceso de elaboración da memoria do plan de estudios do novo grao, que ten que facela o centro e ten que estar rematada en xullo para poder aprobala en Consello de Goberno da UVigo", sinalou. A partir de aí desenvolverase o proceso de revisión por parte da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (Acsug), que levará un ano máis. A implantación será no curso 2020-21, na propia Facultade de Belas Artes, trala autorización da Xunta.

Deseño e Creación contará con 45 prazas para o novo alumnado, a cifra mínima para calquera titulación no campus de Pontevedra. Estas vacantes deberán restarse das 130 de Belas Artes, pero a UVigo espera atenuar o recorte coa nova instrución, que substituirá á actual, de 2015, e que estará varios anos en vigor. "Nela queda aberta a posibilidade de que algún centro aumente prazas e entón poderiamos pedilo para Belas Artes para atenuar ese efecto. Parece que a Xunta abre esa posibilidade", apuntou Manuel Ramos.

O plan de estudos de Deseño e Creación está en mans do propio centro e o vicerreitor dá por feito que a maioría do profesorado será novo, especialista nos temas desta nova titulación.

XESTIÓN PÚBLICA. Outro dos acordos do Consello de Goberno foi pedirlle á Xunta cinco prazas máis para o Grao en Comunicación Audiovisual, algo que tamén terá que resolverse coa nova instrucción, que Ramos espera que estea lista a finais de mes, aínda que a Consellería non precisou datas.

"Esta é unha titulación que ofertan as tres universidades galegas. Na Coruña e Santiago ten 50 prazas e facultade de Pontevedra quere igualarse", explica. Ata o momento ten 45 porque a Xunta só esixía un mínimo de 50 no caso dos campus centrais. "É loxico aumentalas, sobre todo habendo demanda".

Nesta mesma instrución tamén estarán as claves do futuro de Dirección e Xestión Pública, unha das titulacións do campus que a UVigo quere fortalecer. Unha das propostas do centro é elaborar unha nova memoria "para darlle un novo enfoque que permita atraer máis alumnado -sinala Ramos-. Está plantexando unha modalidade totalmente non presencial, entre outros axustes".

O que non está claro é se esta opción, diríase que virtual, poderá convivir coas dúas actuais, a presencial, que oferta 25 prazas, e a semipresencial (20). "Penso que sería boa opción manter a semipresencial, xa que permite ao alumnado achegarse á facultade algún día para falar co profesorado, por exemplo... Habería que reorganizar as prazas actuais".

Outro dos graos na corda froxa é Enxeñería Forestal, cuxo futuro pasa pola colaboración con Enxeñaría Forestal e do Medio Natural, que se imparte no campus de Lugo da USC. "Os dous centros, que ata agora tiveran pouco contacto, intentan avanzar para chegar a un plan de estudos interuniversitario". Deste xeito, apuntou, os dous primeiros cursos serían comúns para os dous centros, "para que o alumnado poida moverse entre ambos" e especializarse en temáticas diferentes nos dous últimos cursos. "Tamén van colaborar en temas de investigación, a ver ata onde poden chegar, e nos mestrados. A Xunta considerou positivo este primeiro acordo de colaboración", que espera que fructifique. "E a ver se no novo Plan Forestal se concreta como poden quedar os estudos neste ámbito".

Visita do IES Luís Seoane á Escola de E. Forestal
Co gallo do Día Internacional dos Bosques, a EE Forestal celebrou dúas xornadas de portas abertas, que incluíron unha presentación da titulación e un percorrido polos laboratorios da escola. Tamén haberá visitas programadas con centros educativos como o IES Luís Seoane, que está previsto que se achegue ao centro este mesmo luns.

Comentarios