Vaipolorío retira 170 quilos de lixo do Gafos noutra xornada de limpeza

O segundo fin de semana da vixésima campaña desenvolvida polo colectivo ecoloxista reuniu un total de 21 voluntarios
2020081011433896279
photo_camera Un dos voluntarios, traballando na campaña de Vaipolorío. RAFA FARIÑA

A segunda xornada da vixésima campaña de limpeza desenvolvida este domingo no río Gafos polo colectivo ecoloxista Vaipolorío conseguiu reunir un total de 21 voluntarios que lograron retirar da canle algo máis de 170 quilogramos de lixo contaminante.

Foi unha das xornadas máis produtivas para esta organización, aínda que os seus portavoces significaron que esta cantidade é unha evidencia da situación na que se atopa o coñecido río ao seu paso por Pontevedra.

Precisamente esta última semana denunciáronse por parte de Vaipolorío varias incidencias. Na tarde do pasado mércores localizouse un vertedura química que acabou coa vida de varios centos de peixes a raíz do atasco dun sumidoiro na zona do Marco. Os refugallos afectaron inicialmente ao río Pintos, afluente do Gafos, na parroquia de Marcón.

Axentes da Policía Local de Pontevedra e da Policía Autonómica, ademais de varios operarios da empresa concesionaria do servizo de augas, Viaqua, constataron no lugar, xunto aos técnicos de Augas de Galicia e da Consellería de Medio Ambiente, que as mostras tomadas correspondían con verteduras de tipo fecal.

No mesmo día, e só uns minutos despois, aparecía flotando no Gafos un colchón que alguén arroxara á canle e que estaba varado nun lugar con pouca circulación de auga, provocando outro foco contaminante que de novo retiraron voluntarios de Vaipolorío.

O grupo ecoloxista atrasou este ano a súa campaña como consecuencia da pandemia de coronavirus, unha circunstancia que tamén os levou a aprazar os actos previstos con motivos dos vinte anos de campañas de limpeza ininterrompidas no río Gafos.

Comentarios