Un veciño leva a xuízo a retirada do nome de Xoán Carlos I á rúa da Parda

O luns aprobarase a modificación de crédito que incorpora 14,5 millóns de euros dos remanentes municipais aos orzamentos
Retirada da placa da antiga Avenida Xoán Carlos I.DP
photo_camera Retirada da placa da antiga Avenida Xoán Carlos I.DP

O Pleno ordinario de maio levará na súa orde do día o acordo para que os servizos xurídicos do Concello comparezan no xulgado despois de que un veciño presentase un recurso ante o Contencioso Administrativo contra a retirada do nome de Xoán Carlos I á rúa da Parda agora denominada Virxinia Pereira. Este será un dos puntos que se tratarán o vindeiro luns, 24 de maio, cando se celebrará a sesión.

A corporación ten que acordar a dita comparecencia, xa que a decisión de cambiar o nome da rúa foi tomada no propio Pleno, tal e como anunciou este mércores Carme da Silva, que informou dos demais asuntos que se levarán á sesión. O denunciante é o mesmo veciño que organizou a fallida manifestación contra o cambio de rúa a pasada fin de semana, á que acudiron só catro persoas, e que tamén presentou unha alegación ante o propio Concello para tratar de frear o cambio de nome sen éxito.

Será tamén o luns cando se aprobe a modificación de crédito que incorpora 14,5 millóns de euros dos remanentes municipais aos orzamentos para poñer en marcha investimentos que dinamicen a economía. Esta incorporación de fondos permitirá facer realidade a compra do convento de Santa Clara, mellorar a seguridade vial en núcleos rurais ou financiar parte de obras como a reforma de Loureiro Crespo ou o entorno de Barcelos.

Por outra parte, a orde do día inclúe tamén unha moción do PP que pide a creación dunha comisión de investigación das contratacións do Concello, unha cuestión que Da Silva afirmou que "nos encanta que vaia a Pleno porque xa quedou claro que cando o PP acusa ao Goberno de algo acaba sendo falso sempre".

Comentarios