"Contra vento e marea, estamos"

Culturgal reivindica a cultura como sector estratéxico na inauguración dunha edición atípica que renunciou aos stands e se retransmitirá online por mor das restricións sanitarias
RAFA PAZO DA CULTURA: photocall de inauguracion de Culturgal, antes do pase da pelicula ONS. Con Victor Lopez, presidente da Culturgal; Xavi Font, produtor da pelicula Ons; Carmela Silva, presidenta da Deputacion de Pontevedra; Roman Rodriguez, conselleiro de Cultura e Miguel Anxo Fernandez Lores, alcalde de Pontevedra.
photo_camera Román Rodríguez, Miguel Anxo Fernández Lores, Víctor López, Antonio Durán ‘Morris’ e Luisa Piñeiro (de esquerda a dereita), onte, no Pazo da Cultura. R. FARIÑA

"A cultura non para", dixo o presidente da asociación Culturgal, Víctor López, o venres en Pontevedra. "Neste ano de incertidumes e dificultades, todo apuntaba a que esta feira non se ía celebrar. Pero o único que tiñamos claro é que non podía deixar de facerse. Entre outras cousas, para encarar o ano que vén con esperanza. Porque esta é a casa da cultura galega. Contra vento e marea, estamos".

A XIII Feira das Industrias Culturais de Galicia quedou inaugurada no Pazo da Cultura coa proxección da última película de Alfonso Zarauza, "Ons". Reivindicouse a cultura como sector estratéxico, tanto económico como social, para abrir unha edición do evento na que a organización se viu obrigada a renunciar á instalación de stands e a apostar pola retransmisión online das actividades por mor das restricións sanitarias. Víctor López advertiu que esta versión virtual de Culturgal veu para quedar. "A diáspora galega por fin vai poder asistir á feira. E xa non imos renunciar nunca máis a esta Culturgal global".

A feira ten previsto retransmitir a través da súa web, cultur.gal, máis de 20 horas de contidos en directo, que se corresponden con máis de 70 propostas culturais de música ao vivo, teatro, libros, arte, ciencia e espectáculos para toda a familia. Para facelo contará con doce cámaras e cun equipo de máis de 60 persoas. Manuel Rivas, Ledicia Costas, Berta Dávila, Antón Reixa, Miguelanxo Prado, Suso de Toro, Susana Seivane e Luar na Lubre serán algúns dos protagonistas das propostas deste ano.

Ademais do presidente da asociación que organiza a feira, na inauguración deste venres participaron o produtor de Ons, Xavi Font; a deputada provincial de Cultura, Victoria Alonso; o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez. Tamén asistiron á proxección da película, o seu director, Alfonso Zarauza; actores como Antonio Durán "Morris" e Xulio Abonjo, entre outros; o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e a delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro.

CRISE. "Precisabamos esta feira, volver a este espazo, porque este sector é un dos máis afectados por esta crise", lembrou Victoria Alonso, un asunto ao que tamén fixeron referencia tanto o alcalde como o conselleiro de Cultura.

"Se xa sempre foi preciso que as administracións estiveramos á altura, neste momento é aínda máis necesario que nunca", sinalou Lores, referíndose á obrigación de apoiar ao ámbito cultural dende as institucións públicas. "Estar á altura das circunstancias tamén significa, neste ano no que todos os proxectos culturais se tambalean, repensar o noso papel como axentes públicos e ser proactivos á hora de dar respostas acaídas, tanto para o sector como para o público". E engadiu máis especificamente: "E estar á altura das circunstancias tamén implica reforzar os orzamentos destinados á cultura, porque a cultura é prioritaria, sempre é socialmente rendible, e as empresas e profesionais que se dedican a ela están vendo as súas contas igual de castigadas que moitos outros sectores igual de importantes e prioritarios".

Lores agradeceu o esforzo e compromiso da organización de Culturgal para sacar adiante á feira, algo no que coincidiu co conselleiro de Cultura, que tamén fixo referencia ao papel da administración pública. "O que temos que facer é intentar axudar", dixo. "Esta é a edición máis atípica, a que menos nos gusta, a máis difícil, pero quizais tamén a máis significativa e importante. Se a organización decidise non facela, todos o entenderiamos, pero é que esta é a principal feira cultural de Galicia e fixérona". Román Rodríguez recoñeceu a exemplaridade da xente da cultura ao longo dunha situación como a actual. "Xunto co sector sanitario e co educativo, o da cultura é un exemplo de desenvolvemento nesta crise.

Comentarios