A Vida é Movernos organizará en xullo talleres de 'bodyfulness' na Illa das Esculturas

O programa estrela da Concellería de Deportes regresará con dúas sesións de dúas horas que se desenvolverán os vindeiros sábados 2 e 9 en horario de 10.30 a 12.30 horas
Lía Brea e Tino Fernández. DP
photo_camera Lía Brea e Tino Fernández. DP

Trala súa primeira edición, desenvolvida entre setembro e outubro do ano pasado, os talleres de Bodyfulness de A Vida é Movernos, un programa da Concellería de Deportes, regresarán ao contorno natural da Illa das Esculturas con dúas sesións de dúas horas que se desenvolverán os vindeiros sábados 2 e 9 de xullo en horario de 10.30 a 12.30 horas. Estes obradoiros de balde, que buscan acadar unha aproximación somática ao movemento para mellorar a saúde integral, volverán ser impartidos pola experta Lía Brea, terapeuta en Danza Movemento Terapia (DMT) pola Universidade Autónoma de Barcelona e licenciada en Psicoloxía pola Universidade de Santiago de Compostela.

A actividade está pensada para grupos dun máximo de doce participantes maiores de 16 necesarios e todas aquelas persoas que desexen participar deberán inscribirse a través da dirección de correo electrónico [email protected] ou do teléfono 657 189 558. Tal e como lembrou o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, "o bodyfulness conxuga distintos elementos das disciplinas psicosomáticas, que traballan a interacción entre a mente e o corpo e que integran aspectos de conciencia corporal, movemento creativo e consciente e técnicas de meditación e contemplación".

Os talleres permitirán experimentar as relacións desde o corpo a través de propostas creativas e de movemento somático e xerar na cidadanía a conciencia de que tanto o noso mundo interno —emocións, pensamentos, sensacións e postura corporal— como o mundo externo —a cidade e os seus ritmos e sons, as rúas, os elementos da natureza e as persoas— están en comunicación permanente e se afectan mutuamente.

As sesións desenvolveranse nunha progresión orgánica, dirixindo a atención desde o interior ata o exterior, con distintas propostas dinámicas e abertas á libre exploración e incluíndo quecemento, traballo coa respiración, expresión, xogo en movemento e posta en común do experimentado. Aconséllase que os participantes dispoñan dunha esterilla ou toalla de praia para estar máis cómodos en posturas que impliquen tumbarse no chan, así como de auga para hidratarse.

Comentarios