sábado. 23.01.2021 |
El tiempo
sábado. 23.01.2021
El tiempo

"A violencia machista é outra pandemia contra a que hai que loitar"

Maica Larriba, Natalia Feijóo, Rosa Fontaíña e Javier Losada na Subdelegación. DP
Maica Larriba, Natalia Feijóo, Rosa Fontaíña e Javier Losada na Subdelegación. DP
O delegado do Goberno chama a intensificar o esforzo colectivo para combater "unha lacra que non cesa"

"A violencia machista é outra pandemia contra a que hai que loitar". Así de contundente mostrouse este venres o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, ao termo do acto de entrega dos Premios Meninas da provincia, que nesta edición recaeron na Rede de Mulleres Veciñais contra vos Malos Tratos e na axente da Policía Nacional da Unidade de Familia e Muller (UFAM) de Vigo-Redondela, Natalia Feijóo Álvarez.

Nunha cerimonia sen faustos marcada polas restricións pola covid-19, a Subdelegación acolleu ás principais autoridades policiais da provincia para apoiar o recoñecemento a dous firmes loitadoras contra a violencia machista.

Losada subliñou a necesidade de que os responsables institucionais e as personalidades con visibilidade pública dean exemplo do compromiso contra a violencia de xénero, "unha lacra que non cesa". Dixo que "tan importante como o que facemos, é o que observan e interpretan outros". 

Natalia Feijóo: "Dou as grazas á miña nai e irmás, que me ensinaron desde nena a loitar por un mundo máis igualitario"

"Se ven que nos enfrontamos con firmeza e determinación aos violentos, aos agresores e aos asasinos, o resto da sociedade tamén se animará a combatelos", agregou, para apuntar a continuación que cada paso pola igualdade que se dea neste momento será asumido con naturalidade polas novas xeracións.

"Somos conscientes de que non sempre chegaremos a tempo, de que non se adoptarán medidas coa axilidade que desexamos e de que non se pode resolver o problema nun día ou dous, pero se pode cultivar o respecto e ser intolerantes cos violentos, para evitar que se crean impunes", instou.

Ao mesmo tempo, destacou que "o feminismo é necesario e vital para recuperar a saúde da nosa sociedade". 

INVERSIÓN. Javier Losada indicou que o Goberno de España adoptou medidas para acelerar o desenvolvemento do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, con transferencias superiores aos 25 millóns de euros nos dous últimos anos a Xunta e concellos galegos.

Tamén se traballou na mellora do seguimento dos casos activos a través dos equipos especializados de Policía Nacional e de Garda Civil e do fomento da coordinación cos concellos e policías locais. Ademais, durante este ano de pandemia, puxo en marcha un plan de continxencia para protexer ás vítimas que sufriron a dobre pandemia e permitir o traballo das organizacións de axuda durante o estado de alarma.

Rosa Fontaíña: "Pido celeridade ó Pacto de Estado contra a Violencia Machista, porque hai cousas que non poden esperar máis tempo"

O Premio Menina recaeu na Rede de Mulleres Veciñais contra os Malos Tratos, de Vigo. "É necesario pór en valor o labor desta entidade para que moitas mulleres abandonasen a contorna de violencia e recuperasen a liberdade e a dignidade", explicou o fallo do xurado. O recoñecemento especial foi para a policía Natalia Feijóo.

O delegado do Goberno recordou, na súa intervención, que os Premios Meninas naceron para recoñecer esforzos e proporcionar exemplos claros á sociedade de como se pode axudar ás vítimas da violencia machista e "como se pode combater aos seus autores e previr os seus efectos". 

Un de cada tres casos de malos tratos de Galicia ocorreu en Pontevedra
En Pontevedra hai, actualmente, 1.105 casos de violencia de xénero activos, case unha terceira parte dos 3.733 do conxunto de Galicia. Este dato está por encima dos 1.103 cos que se pechou o ano anterior, cando se rexistraron 3.598 na comunidade.
Durante o primeiro semestre deste ano houbo 1.011 denuncias por violencia machista na provincia, entre as 2.886 galegas.
Nos tres primeiros trimestres do ano, Pontevedra acumulou 867 chamadas ao 016, por 2.495 en Galicia. Ademais, no primeiro semestre sumou 290 ordes de protección, entre as 1.018 galegas.
A renda activa de inserción ten 228 perceptoras na provincia (873 en Galicia). No que vai de ano, houbo 17 axudas por cambio de residencia (68 na Comunidade). Hai 151 usuarias do Servizo Telefónico de Atención e Protección ás Vítimas Atenpro (627 en Galicia) e 27 dispositivos de control telemático (97 totais).

"A violencia machista é outra pandemia contra a que hai que loitar"
comentarios