"A violencia vicaria é a peor expresión do crime machista"

A subdelegada do Goberno participou nun obradoiro de radio na prisión de A Lama e respondeu ás preguntas de internas
Imaxe do acto. DP
photo_camera Imaxe do acto. DP

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, acudiu este martes á prisión de A Lama para participar nun laboratorio de radio organizado pola Unidade de Violencia sobre a Muller da propia Subdelegación no marco das actividades polo Día Internacional contra a Violencia sobre as Mulleres.

Na actividade, que persigue sensibilizar sobre a violencia de xénero á poboación reclusa, participan unha ducia de internas. A iniciativa, organizada en colaboración coas educadoras do centro, permitiralles ás participantes traballar na elaboración dun programa de radio, á vez que reflexionar sobre a violencia de xénero e os estereotipos.

A subdelegada quixo destacar que a pretensión deste obradoiro "vai alén da radio persegue ofrecerlles ferramentas para previr, detectar e loitar contra a violencia de xénero, unha realidade que en numerosas ocasións elas mesmas padecen".

VER MÁIS: Pontevedra alza la voz contra la violencia vicaria: "Estamos fartas"

Durante a súa visita, Larriba participou na gravación do programa de radio. Por outra banda, a subdelegada someteuse a unha entrevista feita polas propias participantes. Entre outras cuestións, as reclusas preguntáronlle pola violencia vicaria, que esta cualificou como "a peor expresión da violencia machista".

En relación ás actuacións das forzas de seguridade, Larriba defendeu o labor de vixilancia sobre as vítimas, aínda que recoñeceu que é posible que o agresor aproveite calquera momento, pasado incluso anos, para atacar a súa vítima.

A subdelegada lembrou que "aínda hai moitas mulleres que son incapaces de denunciar a súa propia situación, e é nestas ocasións, cando as persoas da súa contorna debemos dar o paso e acompañala e apoiala para que poida presentar esa denuncia. E se non, mesmo presentala por ela".

Así mesmo, a subdelegada lembrou as diferentes medidas que o Goberno ten en marcha para loitar contra a violencia de xénero, destacando os 100 millóns transferidos ás comunidades autónomas no marco do Pacto de Estado.

Comentarios