'A virxe roxa' de Marcos Nine inaugura a sexta edición de Novos Cinemas

Un taller con alumnado da UVigo arrincou pola tarde cos actos do festival, que se celebrará en Pontevedra ata o próximo día 19
Taller de experimentación con alumnado de la Uvigo. GONZALO GARCÍA
photo_camera Taller de experimentación con alumnado de la Uvigo. GONZALO GARCÍA

O documental A virxe roxa do cineasta galego Marcos Nine inaugurou este martes a sexta edición de Novos Cinemas, o Festival Internacional de Cine de Pontevedra, que se celebrará ata o próximo 19 de decembro. 

Tras a súa presentación na última edición da Seminci de Valladolid, o filme estreouse agora en Galicia, mostrando o caso real da parricida Aurora Rodríguez, que matou a tiros á súa propia filla cando esta durmía. 

Hildegart Rodríguez Carballeira era unha das feministas máis destacadas da Segunda República Española e a súa historia foi novelada pola escritora Almudena Grandes, recentemente falecida, en nbsp;&A nai de Frankenstein

Os propio Marcos Nine estivo en Pontevedra para presentar este documental, narrado polas actrices Nerea Barros e María Vázquez e o actor Antonio Durán Morris, tras o cal mantivo un animado coloquio co público que enchía o Teatro Principal. 

Antes da proxección da película, iso si, celebrouse no Teatro Principal o taller Vídeo-hipnose. Experimentar co cinema na era dixital, que contou coa presenza de Jorge Soto, Vicerreitor do Campus de Pontevedra da UVigo; Suso Novás, codirector do festival; Adrián Canoura, director de cine e docente e alumnado da Uvigo.

NOVOS CINEMAS. Durante os próximos seis días, Novos Cinemas proxectará 24 traballos audiovisuais, 14 deles dirixidos por mulleres, primeiros e segundas longametraxes de 26 cineastas emerxentes. 

A sección oficial do festival, na que competirán nove filmes, comezará mañá mércores coa proxección da película norteamericana Actual People de Kit Zahuar, produción do trinque en España; a tamén estadounidense Rock Bottom Riser de Fern Silva e a italiana Piccolo corpo, o debut tras as cámaras de Laura Samani. 

Nesta primeira xornada competitiva tamén empezarán as proxeccións das catro películas incluídas no programa da sección Latexos, reservada para obras experimentais e que teñen un carácter máis fráxil e íntimo. 

Así, Novos Cinemas estreará en España o documental A lúa representa o meu corazón, do director arxentino Juan Martín Hsu, cineasta de orixe taiwanés que filmou o reencontro coa súa nai en Taipei tras a morte do seu pai.

Comentarios