jueves. 21.11.2019 |
El tiempo
jueves. 21.11.2019
El tiempo

As visitas guiadas á aldea neolítica de Salcedo, a partir do 1 de novembro

Cabanas prehistóricas do poboado neolítico de Salcedo. RAFA FARIÑA
Cabanas prehistóricas do poboado neolítico de Salcedo. RAFA FARIÑA
O equipo de arqueólogos da empresa Ab origine dirixirá a ruta polo poboado prehistórico, que se inaugurará o día 19

A xunta directiva da Comunidade de Montes de Salcedo acordou na súa última reunión fixar a data da inauguración do poboado neolítico de Salcedo e do espazo arqueolóxico no que está situado, o antigo campo de tiro da Brilat. Será o vindeiro sábado, día 19, nun acto que terá lugar a partir das 11.30 horas, ao que están invitados os veciños da parroquia e representantes do Concello e da base militar 'General Morillo'.

Á estrea da aldea prehistórica tamén acudirá o equipo de antropólogos da empresa 'Ab origine. Antropoloxía, produción e xestión cultural', que a partir do 1 de novembro dirixirán as visitas guiadas concertadas de escolares e de público en xeral. E é que o equipo directivo da Comunidade de Montes acordou contratar a esta empresa especializada de Pontevedra para "sacar a máxima rendibilidade, difusión e posta en valor do patrimonio histórico e cultural de Salcedo", en palabras do seu presidente, Fernando Pintos. "Senón tivésemos fixado ese obxectivo non nos teríamos envorcado no desenvolvemento deste proxecto, o único en Galicia destas características que está impulsado por un colectivo veciñal".

Aínda que calquera persoa pode visitar de forma gratuíta o complexo prehistórico en calquera día do ano, a realización das actividades formativas e didácticas do espazo etnográfico estarán dirixidas por profesionais que garantirán o rigor científico que require a promoción do complexo da Idade de Bronce, composto por unha cabana comunal, tres pallozas, currais, fosas de almacenaxe, un estanque e unha zona na que se recrearán as fogueiras que facían os antigos moradores destas áreas. Ademais, o poboado prehistórico está delimitado por unha empalizada de madeira.

O proxecto arqueolóxico, que está moi preto de petróglifos de gran valor como os de Outeiro dá Mina, foi desenvolvido pola empresa A Citania. O arquitecto encargado de darlle forma foi Marcos Pérez Cachafeiro, quen no proxecto explicaba que "tratar de mostrarlle aos visitantes a vida cotiá durante o período de tránsito do neolítico á idade dos metais".

EQUIPO DE EXPERTOS

O equipo da firma Ab origine, composto polos antropólogos Rafael Quintía (que tamén é director de campos de traballo e actividades de tempo libre), Cristina Valdés (técnica de turismo) e Miguel Alonso (realizador audiovisual e profesor universitario), será o encargado de promocionar e divulgar o parque etnográfico de Salcedo "a nivel galego e de todo o Estado, incluso establecendo colaboracións con outro tipo de parques ou de propostas similares". Completa o grupo de expertos Valentín García Bóveda, especializado no desenvolvemento de actividades de turismo activo en contacto coa natureza (deportivo, de montaña e sendeirismo).

Quintía explica que tamén organizarán un programa de actividades "sobre todo visitas didácticas e guiadas ao espazo da aldea neolítica, á contorna inmediata e ao seu patrimonio arqueolóxico, etnográfico e natural", ademais de realizar talleres formativos relacionados coa prehistoria e tamén desde unha perspectiva de difusión do patrimonio inmaterial da antropoloxía. "Falaremos de como era a forma de vida na prehistoria pero tamén centrarémonos en aspectos que van máis á de como, por exemplo, o de facer un arco. Falaremos da forma de ver o mundo, da relixión, das crenzas e da música coa organización dun programa de obradoiros enfocados tanto a escolares como para adultos", apunta.

'ROTEIROS'

No plan de actividades tamén figuran os 'roteiros' polas cabanas prehistóricas, o patrimonio arqueolóxico, muíños e lugares de Salcedo asociados á mitoloxía. "Será unha oferta cultural moi ampla", destaca Rafael Quintía. "A nosa idea é comezar as visitas a partir do 1 de novembro. Imos elaborar un tríptico explicativo do parque e a filosofía que hai detrás do proxecto do parque etnográfico e do traballo da Comunidade de Montes de Salcedo para pór en valor o patrimonio da parroquia", indica Quintía.

"Xa temos unha visita concertada para o 17 de novembro, coincindo coas Xornadas de Antropoloxía que organiza a Sociedade Antropolóxica Galega. No arranque das visitas tamén temos pensado organizar algunha actividade gratuíta na que poida participar todo o mundo", subliña o portavoz do equipo de expertos da empresa Ab origine.

Na oferta de actividades tamén figura a organización de xornadas divulgativas e de conferencias que estarían abertas que se desenvolverían en paralelo ás actividades prácticas sobre o terreo.

As visitas guiadas á aldea neolítica de Salcedo, a partir do 1 de...
Comentarios