As vivendas turísticas baten á ocupación hostaleira e rozan o 70%

En áreas como Sanxenxo, os pisos arrendados a visitantes superaron o 80% mentres os hoteis apenas chegaron ao 50% 
2020080611255857374
photo_camera Imaxe do paseo de Silgar, en Sanxenxo, principal destinos dos viaxeiros que usaron pisos turísticos para as súas vacacións en xullo. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Os hoteis son os maiores damnificados da pandemia. No verán máis aciago dos últimos cen anos, con caídas de visitantes internacionais que en España superaron o 97%, os establecementos galegos non superaron -de media- o 50% de ocupación en xullo. Esta vez a partida do verán gáñana os pisos e apartamentos turísticos. Onte, a asociación que aglutina este tipo de aloxamentos desvelou as cifras do último mes. Bateron por goleada aos hoteis cunha ocupación media en Galicia do 68%, un dato que en agosto podería dispararse por encima do 85%. Os hoteis, segundo a súa patronal, aspiran como moito ao 60% este mes e apenas chegaron ao 50% en xullo.

Os datos manexados polo colectivo que representa aos propietarios deste tipo de aloxamentos, Aviturga, reflicten con todo unha porcentaxe moi desigual en función dos destinos. Así, mentres houbo zonas da comunidade autónoma que rozaron o 80%, a ocupación nas grandes urbes, como Pontevedra, A Coruña ou Vigo, resentiuse de forma evidente.

Os apartamentos turísticos máis demandados foron os do litoral e afastados das grandes urbes

O índice de ocupación en xullo rexistrou un retroceso de 3 puntos con respecto a xullo de 2019, mes no que as vivendas superaron o 71%. Aviturga vincula este descenso co escaso movemento rexistrado durante a primeira quincena do mes, moi próxima ao comezo da desescalada e un momento no que a incerteza desincentivó os traslados por lecer ou descanso.

Mención especial merece para Aviturga a situación de Sanxenxo, municipio que concentra 1.800 das máis de 11.000 vivendas de uso turístico rexistradas en Galicia. Desde a asociación destacan que o destino foi capaz de reter aos seus incondicionais e de atraer a novos visitantes, aínda que matizan que este pasado mes foron zonas do litoral sanxenxino as que espertaron máis interese nos viaxeiros.

A estancia dos usuarios oscilou entre os 3 e os 7 días 

"En xeral as vivendas unifamiliares, sobre todo se poñen a disposición dos hóspedes piscina ou outras prestacións de lecer sen necesidade de saír da propiedade, son as primeiras que se reservan", explica a presidenta de Aviturga, Dulcinea Aguín.

A estancia media dos viaxeiros en destinos turísticos tradicionais non superou os 3 días, mentres que os que optaron por vivendas illadas prolongaron a súa estancia no aloxamento a 7 días de media.

Dulcinea Aguín insiste en que Galicia debe aproveitar esta oportunidade e adiantarse ás demandas dos viaxeiros. "Os nosos asociados tiveron ocasión de comprobar este mes como os seus hóspedes lles demandan información da contorna. Incluso os que optaron por destinos de costa buscando gozar da praia, este ano complementaron ese recurso turístico cun afán por descubrir novas rutas e novos recursos".

Asturias, País Vasco e Castela León lideran as comunidades de procedencia do hóspede de vivenda de uso turístico en xullo, ademais dun importante movemento interprovincial galego

Aínda que a tendencia xa viña consolidando nos últimos anos, este mes de xullo caracterizouse sobre todo pola reserva de última hora. Algo coincidente co pasado verán é o perfil do usuario das vivendas para aloxamento vacacional. Trátase de familias integradas por entre 2 e 4 membros e procedentes sobre todo do territorio nacional. Persoas que buscan un descanso baseado na tranquilidade e que valoran especialmente o prezo e a comodidade que lle ofrece unha vivenda de uso turístico fronte a un establecemento hostaleiro.

Comentarios