Vodas de ouro confinadas

O bar Covelo, en Verducido, cumpre 50 anos na soidade á que obrigou o coronavirus, pero os seus donos resístense a non celebrar a efeméride "en canto se poida"
undefined
photo_camera Dolores Maquieira no interior do bar Covelo, totalmente baleiro debido á pandemia. GONZALO GARCÍA

O 3 de febreiro de 1971 abría as súas portas no lugar de Covadáspera (Verducido) un humilde bar sen máis pretensión que servir de punto de encontro aos seus veciños e de distensión das rutinas diarias. A súa especialidade non eran nin as comidas, nin os licores, nin os petiscos, nin os cócteles... Eran a amabilidade, tenrura e sacrificio que servían, alén a barra, José Maquieira e Dolores Dios Tilve, os seus propietarios.

Co paso dos anos o bar Covelo foi collendo fama na parroquia e foron habituais os chiquiteos, os apaixonados torneos de cartas e as non menos rifadas partidas de dominou. Unha clientela maioritariamente masculina entón pero que aos poucos tamén se foi estendendo cara ao sector feminino.

A filla do matrimonio primixenio, Dolores Maquieira Dios, criouse entre os marteleos da máquina de café, o tintineo das copas recentemente lavadas e a musiquiña histriónica das máquinas comecartos. Sons propios dun bar de pobo que pronto se converteron na súa banda sonora diaria.

Hai 17 anos, xunto ao seu marido Santiago García Torres, tomaron as rendas do negocio en solidario, brindando aos patriarcas o merecido descanso. "O nome do bar vén por unhas leiras que tiña o meu sogro e que despois vendeu", explica o actual xerente.

"O noso é un bar familiar, pequeno, pero con moi bo ambiente", explica, tras admitir certa pena por non poder organizar unha celebración acorde á efeméride. "Non pensaramos en nada ostentoso, quizais unhas invitacións aos clientes e uns petiscos, porque a verdade é que 50 anos non se cumpren todos os días", subliña o empresario. "Pero é o que toca nestes días e hai que asumilo".

Matiza que o seu negocio, ao carecer de empregados e de alugueres, non se resentiu tanto como outros con este peche obrigado. "É lóxico que os que teñan que facer fronte a alugueres e a Ertes estano a pasar moito peor, pero por fortuna, nós ímolo soportando", apunta o matrimonio.

Iso si, non falta o cliente asiduo que os cruza na rúa e lles pide que volvan abrir o enreixado. "Que non se pode, home", replícanlle.