Volven as visitas ao patrimonio invisible de Pontevedra

Haberá cinco puntos protagonistas: o depósito de auga e o cemiterio de Sesmero, o Sagrado Corazón de Praceres, o Arquivo Histórico Provincial, Villa Pilar e os xardíns do Pazo de Lourizán

Poder entrar en edificios que habitualmente permanecen pechados. Niso consisten as visitas que por segundo ano consecutivo celebra do Concello de Pontevedra dentro da Semana do Patrimonio Invisible, que se celebrará os días 15, 16 e 17 de xullo. Despois dunha primeira edición moi exitosa, sobre todo pola elevada participación para coñecer o interior do convento de Santa Clara, o ciclo de actividades continúa este ano con cinco novos edificios ou infraestruturas por descubrir.

undefinedDesta vez, poderanse coñecer as instalacións do depósito de auga de San Amaro (na imaxe), deseñado por Sesmero en 1886, xunto ao cemiterio anexo, de 1882. Tamén o interior do colexio Sagrado Corazón de Praceres, ligado ao político Montero Ríos, que fala dos tempos nos que Lourizán era un dos centros políticos e turísticos de Galicia.

undefinedOs participantes poderán descubrir tamén as curiosidades arredor do edificio que alberga o Arquivo Histórico Provincial, construído en 1910 pola familia Fonseca e con numerosos elementos que o vinculan cos movementos masónicos que había na cidade por aquela época. Na actualidade custodia fondos que abarcan dende o século XV e forma parte do Sistema de Arquivos Galego. "Penso que este pode ser un dos edificios que máis sorprenda", dixo o concelleiro Xaquín Moreda, cuxo departamento promove a iniciativa.

Gon Camelias no Pazo de Lourizan, martes, 23 mar · 13:30–14:30Os xardíns do Pazo de Lourizán tamén protagonizarán as visitas da Semana do Patrimonio Invisible. Ocupan unha superficie de 52 hectáreas e conteñen especies dos cinco continentes plantadas ao longo de máis de 130 anos. Conta cun monumental invernadoiro de ferro e cristal, fontes, escaleiras, estanques, pombal e especies de árbores de todas as partes do mundo.

Por último, Villa Pilar forma parte tamén do programa de visitas. Trátase dun palacete de arquitectura ecléctica construído polo indiano Manuel Martínez Bautista a comezos do século XX, na que destaca unha escalinata única en mármore de Carrara, e un dos primeiros balcóns realizados en formigón e balaustrada de estilo inglés.

As visitas, que terán unha duración dunha hora, serán en grupos reducidos (entre 12 e 15 persoas dependendo do espazo), "para garantir que o patrimonio non se deteriora", en palabras do propio concelleiro. Para participar nas visitas será preciso inscribirse en www.patrimonioinvisible.gal. O prazo para anotarse ábrese mañá sábado, 10 de xullo, ás 11.00 horas. Os participantes recibirán un correo electrónico de confirmación.

undefinedNa presentación desta segunda edición do programa, Xaquín Moreda lembrou que estas visitas guiadas se fundamentan na filosofía de "poñer en valor o patrimonio dándoo a coñecer á veciñanza", co obxecto de fornecer aos participantes nas visitas "dunha experiencia cultural única". Así, o nacionalista explicou que a conservación do patrimonio non debe limitarse só ás rehabilitacións.

Moreda asegurou que, con esta iniciativa, trata de abrir ao público "as portas de edificios e espazos que normalmente non están accesibles" a través dun "discurso narrativo de calidade" e poñendo o foco "na protección dos ben culturais que visitamos".

As visitas serán guiadas por persoal especializado que dará a coñecer estes espazos con rigor histórico, abordando cuestións relacionadas coa arquitectura e a súa historia, como o tipo de construción ao que responden ou as familias que os habitaron.

Comentarios