E vós, que queredes hoxe de merenda no cole?

O alumnado de Infantil do CEIP de Ponte Sampaio xestiona e elabora os petiscos
Os cativos recortan e pegan imaxes dos alimentos da merenda do luns. GONZALO GARCÍA
photo_camera Os cativos recortan e pegan imaxes dos alimentos da merenda do luns. GONZALO GARCÍA

Os luns, bocadillo de queixo, chourizo, salchichón ou peituga; os martes, iogur natural, de plátano ou macedonia; os mércores, froita; os xoves cereais ou galletas e o venres, outra vez froita, pero con máis variedade. Podería ser o calendario de merendas de calquera escola, pero no CEIP de Ponte Sampaio van moito más aló, porque é o propio alumnado de 6º de Educación Infantil o que xestiona os encargos, a elaboración e o reparto destes petiscos que lles dan enerxía a media mañá. Trátase dun proxecto incluido nos contratos programa que non só se centra en acoutar os menús para evitar opcións menos saudables, senón implica que traballen a lóxico-matemática, a lecto-escritura, a motricidade fina e mesmo aprendan a xestionar.

Así o explica Lucía Noya, titora dos maiores de Infantil, que con só cinco anos teñen o proceso totalmente controlado. O sistema, ademais, descarga ás familias da preocupación diaria de mandarlles a mochila das merendas, pois simplemente teñen que achegar seis euros ao mes entre setembro e xuño para que as crianzas teñan garantido o almorzo diario de media mañá.

undefined
Os cativos recortan e pegan imaxes dos alimentos da merenda do luns. GONZALO GARCÍA

Na aula de 6º son 13 rapaces. Cada día elaboran un formulario cos nomes dos compañeiros de 4º, 5º e da súa propia clase para cada opción de merenda, que identifican cunha foto do alimento recortada dun folleto do súper. "Despois preguntan nas tres clases que quere cada un, rodean os nomes e calculan o pedido que se necesita", explica Lucía. A persoa da clase encargada cada día asume máis protagonismo, pois é a encargada de chamar á de Rebeca (A Tenda Dos Heroes), un establecemento local que toma nota do pedido, o prepara dilixentemente e llo leva ao colexio para que o conserxe o suba á aula.

Unha vez alí é momento de poñerse mans á obra. Os días do bocadillo hai máis choio, pois hai que elaboralos co pan —que corta a persoa encargada—, o queixo e o friame. Unha vez listos, o resto dos compañeiros van pasando pola aula para recoller o seu encargo e todo queda rexistrado nos formularios.

Os venres organizan directamente un mercado de froita ("tráese máis variedade para que cada un compre o que queira e págase con billetes do Monopoly tuneados") e os últimos de cada mes celébranse os aniversarios correspondentes cun biscoito sen leite nin manteiga —por un caso de intolerancia— que elaboran eles mesmos con cargo ao orzamento mensual.

As familias, subliña a docente, están "moi contentas", pois á parte da aprendizaxe que supón en todos os sentidos tamén axuda a que os "mal comedores" se animen a probar outros sabores ao ver aos compañeiros. "Menos dous, todos comen perfectamente todo tipo de froitas".

Os cativos recortan e pegan imaxes dos alimentos da merenda do luns. GONZALO GARCÍA
Os cativos recortan e pegan imaxes dos alimentos da merenda do luns. GONZALO GARCÍA

Comentarios