Xa é tradición: na véspera da Peregrina cántase na rúa

Catro prazas da cidade acolleron este venres a macroquedada para cantar na que participaron centos de persoas para interpretar un repertorio de 20 temas do cancioneiro popular galego 

Imaxes dos Supercantos celebrados nas prazas da cidade. RAFA FARIÑA
photo_camera Imaxes dos Supercantos celebrados nas prazas da cidade. RAFA FARIÑA

Tocaba cantar. A segunda edición dos Supercantos (ou macroquedada para cantar) celebrábase este venres na Boa Vila e a cidadanía respondeu. Para dar a benvida ás festas, para pasar un bo anaco, para entoar algunha canción xa esquecida e mesmo para bailar. Cadaquén atopou os seus motivos para participar nos Supercantos 2018 e sacar a música das tabernas ás rúas. O obxectivo era reunir centos de persoas e cumpriuse. Así, unha morea de cantantes concentrouse arredor de dúas horas e percorreu diversas prazas da cidade ao ritmo da música.

A festa comezou na Ferraría ás 21.00 horas e continuou en Curros Enríquez, as escaleiras do Teatro Principal e a Praza da Leña. En total catro escenarios diferentes para interpretar as 20 cancións que forman parte do repertorio.

A lista de temas xa se ensaiou ao longo dos últimos meses en diferentes encontros coordinados por Maravallada —que organiza o acto— que se produciron en varias parroquias. Deste xeito, algúns dos participantes xa practicaran os temas que se interpretaron, aínda que, tal e como sinala a organización do evento, o obxectivo do mesmo non é crear unha coral perfecta, senón celebrar unha xuntanza de carácter popular na que reunir á veciñanza arredor da música tradicional.

SORTEO. Ademais, nesta edición a organización sorteou unha cea nun restaurante da cidade. Así, os folletos nos que se incluían as letras das cancións levaban impresos os números que entraban dentro do sorteo, que se celebrou ao final do acto.

O evento enmárcase na iniciativa Aquí Cántase, que busca recuperar a cultura do canto de taberna fronte á decadencia que provocou a prohibición de cantar en público durante os anos do Franquismo. A finalidade é promocionar a música tradicional na súa variable cantada, aínda que na actualidade estea máis de moda a instrumental.

Comentarios