O Xacobeo chega a Pontevedra co acendido dunha iluminación especial na igrexa de San Francisco

O Goberno local apoia a iniciativa da Xunta sumando a Ponte do Burgo e o Concello a esta proposta, que tingue de azul distintos monumentos

Iluminación na fachada da igrexa de San Francisco. DAVID FREIRE
photo_camera Iluminación na fachada da igrexa de San Francisco. DAVID FREIRE

A igrexa de San Francisco en Pontevedra incorporouse este sábado ao programa Acende o Xacobeo, da Xunta de Galicia, que inclúe a iluminación de 91 monumentos singulares de toda España co logotipo en azul do Xacobeo 2021 e cunha frecha amarela como as que marcan o Camiño de Santiago. O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a delegada territorial do Goberno autonómico en Pontevedra, Luisa Piñeiro, asistiron ao acendido, no que tamén estiveron presentes outros membros do PP como a deputada Ana Pastor ou o presidente do partido en Pontevedra, Rafa Domínguez. Acompañounos a todos o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, do BNG, que anunciou que o Concello se sumaba á iniciativa da Xunta tinguindo tamén de azul tanto a Ponte do Burgo como o edificio do Concello na Praza de España.

"Empezamos a iluminar edificios hace tres días como parte de este programa, Acende o Xacobeo, y seguimos haciéndolo por tandas, que se corresponden con distintas zonas por las que pasa el Camino, tanto de Galicia como de fuera de Galicia", explicou Alfonso Rueda sobre a iniciativa. "Es una forma de llamar la atención sobre este acontecimiento y estamos viendo que ha sido una buena idea porque a la gente le está gustando mucho. Es una forma sencilla y clara de recordarnos que el 31 de diciembre se abre la Puerta Santa, aunque este año se haga de forma virtual, como tantas otras cosas se han hecho este último año".

Membros do PP e o alcalde acompañaron a Alfonso Rueda no acendido de San Francisco. DAVID FREIRE
Membros do PP e o alcalde acompañaron a Alfonso Rueda no acendido de San Francisco. DAVID FREIRE
 

O vicepresidente comentou que, ata o momento, había uns 30 edificios iluminados e que o plan era, nos últimos días de decembro, chegar a preto de 100. "Hay muchísimos monumentos por toda España que están participando en esta propuesta y esta es también una buena forma de darlos a conocer".

FASE DÚAS. A iluminación en edificios galegos, como a Torre de Hércules ou a Catedral de Ourense, estase a levar a cabo de forma secuencial a través das distintas etapas das rutas xacobeas ata chegar á Catedral de Santiago "evocando o percorrido que realizan os peregrinos", informa a Xunta. A de San Francisco, en Pontevedra, realizouse na que é a segunda fase da proposta.

Ademais, na Torre do Reloxo da Catedral, coñecida como A Berenguela, proxectarase durante todo este período un vídeo de animación que tamén recreará a peregrinación a Compostela.

Á iniciativa sumáronse dez comunidades autónomas –Andalucía, Aragón, Asturias, Cantabria, Castela e León, Estremadura, A Rioxa, Madrid, Murcia e Navarra– iluminando outros 50 monumentos, moitos deles vinculados ao Camiño de Santiago. Castela e León seguirá a mesma secuencia por fases que a comunidade galega e no resto de autonomías o acendido realizarase o 31 de decembro. No caso de Madrid, as iluminacións na glorieta de Atocha e no distrito de Fuencarral co logo do Xacobeo 2021 en gran formato estarán presentes durante todo o Nadal.

O Concello de Pontevedra tamén se sumou á iniciativa da Xunta. "Esta é a capital do Camiño Portugués", explicou Miguel Anxo Fernández Lores. "Cando nos informaron de que a Xunta ía iluminar San Francisco, sumámonos iluminando tamén de azul o Concello e a Ponte do Burgo para engadir outros dous elementos arquitectónicos que marcan o Camiño Portugués".

O alcalde destacaba este sábado a importancia do Xacobeo para Pontevedra. "Isto é unha cousa de todos porque o Camiño xenera cada vez máis turismo e cada vez de maior nivel adquisitivo. O seu impacto no tecido económico de Pontevedra é indiscutible, polo tanto, temos que estar todos xuntos nisto". A maiores, Lores recoñeceu que a situación sanitaria será a que marque o devir do Ano Santo. "Porque o Xacobeo é algo que xa funciona só. Aínda en plena pandemia estaba vindo xente. Só nos queda agardar que todo vaia a mellor. De ser así, no segundo semestre do ano, o Xacobeo vai ser espectacular".

Comentarios