O xefe da Policía Local de Pontevedra dá positivo en coronavirus

É o primeiro caso confirmado entre o persoal do Concello. Ángel Ruibal atópase no seu domicilio e non presenta síntomas da enfermidade

Generated by  IJG JPEG Library
Generated by  IJG JPEG Library
photo_camera Ángel Ruibal. ARQUIVO

O xefe da Policía Local de Pontevedra, Ángel Ruibal, deu positivo en coronavirus. Así o confirmou este luns en rolda de prensa a concelleira de Protección Cidadá, Eva Villaverde, que explicou que o funcionario se atopa no seu domicilio, "está ben" e "non manifesta síntomas" da enfermidade.

Villaverde informou de que o caso se confirmou o pasado venres e recoñeceu que "non se coñece a fonte do contaxio", aínda que aclarou que este non se produciu no ámbito laboral. Ao parecer, Ruibal desenvolvía a súa actividade no despacho, sen estar en contacto cos axentes, que están divididos en quendas estancas por razóns de seguridade para reducir os riscos de contaxio. "Queremos trasladar os nosos ánimos e o noso desexo de que se recupere o máis axiña posible", dixo.

A baixa inesperada do xefe da Policía Local obrigou o Concello a reorganizar o servizo. A xefatura do corpo vaina desempeñar o ata agora inspector principal, José Manuel Duarte.

Comentarios