"Hai xente que vai en barca desde Vilanova e Cambados a xogar a partida na Illa"

O xefe de servizo de Alertas Epidemiolóxicas advirte de que a próxima semana se dispararán os casos de covid
Miguel Álvarez Deza. ADP
photo_camera Miguel Álvarez Deza. ADP

"A semana que vén vamos a ter moitos casos. Xa era o previsto fai 15 días e é lóxico, vista a tendencia e o comportamento da xente", asegura o xefe de servizo de Alertas Epidemiolóxicas de Pontevedra, Miguel Álvarez Deza.

De feito, o leve descenso rexistrado no balance do mércores, podería non pasar dun espellismo, pois tanto as reunións familiares como as aglomeracións na rúa ("se non se respectan as distancias dá igual estar ao aire libre") invitan o pesimismo. "O do martes foi unha tolemia. Hai que intentar non coincidir todo o mundo na rúa. As cousas suceden por algo". E logo das festas do Nadal chega a ameaza das rebaixas de inverno.

Estas aglomeracións poden orixinar contagios, pero actualmente o foco está nas reunións. Desde o 31 de decembro, explica Álvarez Deza, contabilízanse 21 brotes na área sanitaria, "todos familiares", case todos de tres, seis ou sete persoas. Así nesta última semana en Pontevedra contabilizáronse 56 casos novos, en Vilagarcía 36, en Poio 21 e en Sanxenxo 16.

Caso aparte é o de A Illa de Arousa, o peor municipio da provincia en incidencia acumulada, que o mércores rexistrou cinco casos novos, e no que o cribado anunciado é vital para atallar a pandemia. "Son todos brotes familiares e de xente maior que se reunía para xogar partidas de cartas, de dominó...". O concello insular está sometido a un peche perimetral individual e só se pode entrar ou saír para traballar, estudar ou en casos estritamente xustificados. E a pesar disto e á súa particular xeografía -só pode accederse por estrada a través da ponte que a une con Vilanova-, Deza asegura que "hai xente que vai en barca desde Cambados e Vilanova á Illa para xogar a partida": 

Dada esta situación, o xefe Alertas Epidemiolóxicas confía en que a situación mellore cando se acelere o ritmo de vacinacións, xusto cando Bruxelas acaba de autorizar a vacina de Moderna, a segunda que se distribuirá na Unión Europea.

VACINAS. Iso será se as novas non necesitan un protocolo tan complicado para respectar a cadea de frío como a de Pfizer-BioNTech. Sendo vacinas como a antigripal, por exemplo, poderían aplicarse máis de 7.600 diarias e incluso vacinar a toda a poboación maior de 65 anos da provincia nun mes.

Iso si, "a vacina non é garantía de que se erradique a covid. Haberá que convivir con ela e poderá ser unha enfermidade endémica". 

Comentarios