Xeve lanza un SOS para frear as elevadas perdas polo gando solto

Os veciños de Santa María cifran os danos en máis de medio millón de euros e esixen a implicación da Xunta para impor multas

Una finca de verduras arrasada por el ganado suelto. CEDIDA
photo_camera Unha leira de verduras arrasada polo gando solto. CEDIDA

Os veciños de Xeve están fartos. Calculan que os danos sufridos no monte comunal e en leiras particulares nos últimos 15 anos por culpa do gando solto —mostrenco ou identificado pero cuxos propietarios non se fan responsables— superan o medio millón de euros. Mentres, en sete anos apenas se tramitaron oito expedientes sancionadores, con multas que non superan os 200 euros cada unha e que nin sequera saben se se fixeron efectivas. "Venden un becerro por mil euros e xa lles compensa unha multa destas cada cinco anos", lamenta o presidente da Comunidade de Montes de Santa María de Xeve, Juan José González Crespo.

Así o afirmou ante un grupo de veciños nunha reunión celebrada no local social, na que tamén participou o letrado asesor da comunidade, Jesús López García. Ambos coincidiron en subliñar a imprescindible implicación das administracións, sobre todo da Xunta de Galicia, para pór fin a esta situación que trae a toda a parroquia pola rúa da amargura.

Para que a Xunta actúe necesita unha imaxe do crotal —para identificar a res— e é case imposible conseguila

Os problemas veñen de moitos anos atrás e xa a principios de século gastaron máis dun millón de pesetas en peches que acabaron baixo as pezuñas destes cabalos e vacas de cuxos actos ninguén se responsabiliza. "Levamos máis de 15 anos con denuncias reiteradas e non nos consta ningunha actuación da Xunta", asegurou o avogado. Logo de múltiples reunións, Medio Rural "acabou recoñecendo" que o pastoreo libre está prohibido neste monte, destacou González, pero iso non evita que o gando solto campe ás súas anchas e esnaquice plantacións arbóreas e leiras cultivadas.

FOTOS. "Para que a Xunta actúe necesita unha imaxe do crotal —para identificar a res— e é case imposible conseguila", apuntou o letrado, pola dificultade de achegarse aos animais ou pola necesidade dun equipo de fotografía dunha calidade que non teñen os gardas forestais que, de cando en vez, acoden ás chamadas dos veciños sen resultado.

Case imposible, porque como explicou o presidente dos comuneiros, "pagámoslles a un fotógrafo e a un técnico para que estiveran tres días sacando fotos cunhas cámaras especiais, que se vía o crotal co número e todo, pero a Xunta díxonos que non valía, porque como se podía saber que esas vacas estaban nos nosos montes? Nin sequera nos dá información sobre quen é o propietario".

Comentarios