O xornalista Miguel Boó denuncia que a Deputación secuestrou un dos seus libros

Acusa ao BNG de impedir "a súa distribución desde hai anos" por cuestionar a criminalización do eucalipto e estar escrito en castelán
Miguel Boo. DP
photo_camera Miguel Boo, co polémico libro sobre o eucalipto. AGN

O xornalista Miguel Alonso Boó, quen fora director do extinto Diario 16 de Galicia e presidente da Asociación da Prensa de Santiago, arremeteu este martes contra a Deputación de Pontevedra e, máis concretamente, contra o BNG, que dirixe a área de Cultura, ao que cualificou de "fascista" por "secuestrar" un libro seu que o ente provincial se dispuña a publicar hai seis anos e que, segundo o autor, os nacionalistas "paralizaron e gardaron nun soto" cando accederon ao poder xunto ao PSOE e baixo a presidencia de Carmela Silva.

A obra en cuestión, titulada A mala prensa do eucalipto, é unha tese doutoral que obtivo a cualificación de cum laude pola UVigo e que cuestiona a criminalización desta árbore, "sempre mediante datos e publicacións de prensa", o que, a xuízo de Miguel Boó, "debeu incomodar" ás filas frontistas. A reacción do BNG, denuncia, foi "como a da Inquisición: paralizaron a súa publicación e os mil exemplares que habería xa impresos metéronos nunha caixa nun soto".

Fontes do BNG na Deputación negaron este martes tales acusacións e afirmaron que o libro se está distribuíndo desde hai xa tempo.

Para a súa elaboración, o xornalista analizou preto de 30 anos de publicacións para estudar o discurso en prensa sobre o eucalipto e as celulosas, "máis dun millón de páxinas" ademais dun centenar de libros de expertos, científicos ou enxeñeiros forestais.

A través diso, realizou unha comparativa sobre as declaracións sobre esta especie na esfera e o discurso público e político coa vertente experta e sacou unha serie de conclusións sobre os "mitos" desta especie.

Segundo relatou este martes, o texto foi seleccionado tres anos despois para a súa edición e distribución a través do servizo de publicacións da Deputación de Pontevedra pero a súa distribución foi paralizada "a poucos días de saír de imprenta" e chegar á sede provincial, coa entrada do BNG na institución.

Desde o martes é posible acceder á polémica obra por vía dixital, "un medio onde é difícil impoñer a censura", aseverou o seu autor, e a obra xa está dispoñible en Amazon, a través da plataforma Kindle. Con motivo da publicación, Bóo reuniu este martes no Café Casino de Santiago a compañeiros de profesión e amigos que o arrouparon na súa denuncia pública, que comezou con retranca ao referirse á censura imposta por Vox, para minutos máis tarde revelar que non era o partido verde ao que aludía "senón ao Bloque Nacionalista". "É fascismo teña a cor que teña", dixo, para a continuación tachar aos nacionalistas de "inquisitoriais" e "talibáns".

Outro motivo que o veterano xornalista dá por probado no secuestro do libro, a pesar de que nunca lle ofreceron ningunha explicación desde o Pazo Provincial, é que "o libro está en castelán". "Teño cinco libros publicados e tres deles están en galego. Xa basta de impoñer as ideas ao máis puro estilo fascista", cargou Boó.

Aínda que descartou iniciar accións penais, "algo que non fixen ata agora polo tempo e diñeiro que se necesitan", Boó avanzou que buscará o apoio da Asociación de Xornalistas de Galicia para "acabar con semellante inxustiza".

Á beira do autor do libro secuestrado sentaba o xornalista e profesor da UVigo Fernando Ramos, que formaba parte do tribunal que outorgou o cum laude á tese de Boó.

"Eses censores son uns ignorantes. Non estamos ante unha dogma de fe, senón ante unha publicación científica que a propia Deputación considerase de interese publicar [antes da chegada do BNG]", dixo o docente. "Non estar de acordo non pode ser prohibir", resolveu.

"É mentira, a orde para distribuír ese libro deuse xa hai un ano"
Fontes do BNG na Deputación de Pontevedra mostraron este martes a súa "sorpresa" pola denuncia deMiguel Boó, ao que acusaron de faltar á verdade nos seus ataques á xestión do grupo nacionalista neste asunto.

"É sorprendente porque en ningún caso (o libro) está amordazado nin secuestrado", sinalaron os portavoces do Bloque. "Este libro, ó igual que outros tanto da época de Rafael Louzán como da de Xosé Leal, estaban pendentes, pero xa se están distribuíndo. A actual deputada de Cultura deu a orde de que se distribuísen hai xa un ano, ó finalizar o confinamento".

Ademais, sinalaron que a última vez que persoas en nome do autor puxéronse en contacto coa Deputación, hai quince días, volvéuselles a dicir que "viñeran buscar as caixas, pero por aquí non veu ninguén".

Comentarios