Xosé Ballesteros: "Ler ben é máis importante que ler moito"

A asociación Amigos de Pontevedra acaba de galardoar a longa traxectoria de Kalandraka afincada dende 1998 na boa vila pontevedresa, como recoñecemento ao labor divulgativo e posta en valor da cidade. A editorial converteuse nun dos referentes no álbum ilustrado en literatura infantil e xuvenil, máis aló das fronteiras territorias e lingüísticas
Javi 10.30 Sede de Kalandraka. Entrevista con Xosé Ballesteros, premio Amigosd e Pontevedra a Kalandraka. Rebeca (671383200)
photo_camera Xosé Ballesteros. JAVIER CERVERA

Somos o que lemos. Esta é unha das premisas fundamentais da editorial Kalandraka que, ao longo de vinteún anos, conseguiu fomentar a lectura dos máis cativos apostando por desdebuxar fronteiras lingüísticas e sociais. Logo de ser premiados por Cidade de Pontevedra e Pontevedreses do Ano, chega a quenda do recoñecemento dos Amigos de Pontevedra, como xeito de agradecer o labor da editorial no pobo de Lérez. Xosé Ballesteros é o director da editorial, así como da Asociación Galega de Editores.

É o terceiro galardón local que reciben. Que significa para vostedes ser grandes referentes da cidade?

En primeiro lugar, é unha satisfacción enorme que esta asociación poña en valor o noso traballo. Son conscientes de que calquera dos 400.000 exemplares de Kalandraka vendidos cada ano levan inscrito o nome de Pontevedra nos créditos. Deste xeito, convertémonos nunha especie de embaixada da propia cidade cando imos ao extranxeiro ou a feiras internacionais. Está claro que Pontevedra sempre está presente en nós e non podemos estar máis contentos.

Se a cidade fose un dos seus recoñecidos álbums ilustrados, que título lle merecería?

"Pontevedra boa vila, dá de ler a quen pasa". Dende logo sería ese, o eslogan unifícanos totalmente co pobo pontevedrés. Na comarca existen un total de tres empresas ligadas intimamente que pechan un triángulo de creación, impresión e distribución.Nós, Anduriña e Arnoi.É incríble que nunha cidade tan pequena coma esta e tan allea aos centros de poder e decisión se produza tal singularidade. Isto proba que non se necesitan grandes lugares, dende Pontevedra pódense editar libros para todo o mundo.

E efectivamente, acadaron unha expansión internacional sendo grandes referentes do álbum ilustrado. Como se consegue?

A clave é ter unha idea. Un número de persoas queriamos comezar a elaborar este tipo de publicacións en galego. E fomos quen de conseguilo grazas a moito esforzo. Ese foi o gran salto, demostrar que había un sector das familias que esperaba este tipo de libros e tivemos unha gran acollida. O camiño ímolo facendo sen ser conscientes, pero cando miras cara atrás é todo moi satisfactorio. Non podemos estar máis que orgullosos.

Novos formatos
"As plataformas dixitais "rouban" o tempo de lecer dos lectores; a tiranía da conectividade é un perigo a superar"

Como afectan as tecnoloxías ás cifras de exemplares en papel?

Nós apostamos sempre pola comunicación online. O problema parte das plataformas dixitais que "rouban" tempo de lecer aos lectores para que o empreguen en distraccións. Ese é o gran perigo actual. Dicía Feltrinelli, un dos grandes editores europeos, que actualmente ler un libro en papel é un acto revolucionario de liberdade individual, fronte ás grandes plataformas tecnolóxicas que se converten nun oligopolio de tempo e datos dos usuarios. Sen ser apocalíptico, eu defino a esta situación dixital como a tiranía da conectividade.

E como se derriba?

Seguir publicando en papel é fundamental,non só polo contacto material, senón pola tranmisión dos afectos. Na editorial sempre salientamos a importancia da hora do conto, cando pais, nais, ou avós se sentan na cama para ler cos cativos. O certo é que entregar un libro en papel é dar afecto, que un neno poida ir facendo a súa propia biblioteca é unha riqueza enorme que hai que fomentar.

Lectura
"Entregar un libro en papel é dar afecto; que os cativos elaboren a súa propia biblioteca ten unha riqueza enorme"

Que papel xogan as políticas de cultura nesta situación?

Os estados están cómodos con que a poboación se atope distraída, pois é máis doado que non sexan críticos nin se cuestionen cambios políticos. En Venecia a Liga Norte fixo un listado de libros prohibidos por non recoller os valores convencionais. Un deles é Pequeno azul, pequeno amarelo de Kalandraka no que dous rapaces se funden nun abrazo. Onde hai menos librería e lecturas nacen os valores autoritarios e de extrema dereita. Isto reafírmanos na nosa responsabilidade como editores.

Libros para soñar é o voso lema. Con que soña agora Kalandraka?

Soñamos con que cada vez existan máis lectores e lectoras en xeral. Segundo as enquisas, a sociedade é máis feliz en relación co número de lectores e libros que se venden. Ese é o noso soño como empresa, que haxa máis lectores non cuantitativamente, senón no aspecto cualitativo. Ler ben é moito máis importante que ler moito.E para conseguilo, nós escollemos libros que deben ter canda menos tres premisas básicas: divertir, conmover ou sorprender.

Lingua e normalización
"As actuais políticas da administración fan que editar libros en galego sexa un labor titánico"

Cataluña e Euskadi teñen boas cifras de edición no seu idioma. Por que se estancan en Galicia?

É moi complexo. Na nosa comunidade houbo un retroceso nas axudas económicas e afectivas da administración. Hai unha frase de Manuel Bragado “a cultura galega está na intemperie”. E eu estou totalmente de acordo. Se tes dous irmáns e un está débil, non podes tratalos da mesma maneira, ao enfermo telo que coidar. A administración galega non o fai.

E as axudas que existen non son satisfactorias para avanzar?

A Xunta destina á compra de libros para todo o sistema bibliotecario galego entre 200 e 250 mil euros. No Día do Libro, a Xunta gasta nunha única xornada 160 mil euros en publicidade. É un disparate. Actualmente, editar en galego é un labor titánico. O galego é o 20% do noso negocio,pero temos un 80% que nos permite sobrevivir sen depender da lingua. Somos a primeira editorial en facturación, con diferencia, de Galicia e iso reconforta.

Que opina desa desidia?

É unha percepción simplista e acomplexada que desprecia o propio patrimonio galego. A lingua é o valor inmaterial dun país. Se non o coidas como se fora o teu propio fogar, desprezas a memoria dos teus antergos e convértese nunha visión raquítica do valor real que lle é merecido.

Comentarios