A xuíza recibe na Parda ao primeiro investigado polo 'asalto á alcaldía'

O traballador de Ence é un dos trece que comparecerán pola fustrigación a Lores do pasado 11 de marzo
Trabajadores de Ence en el exterior de los juzgados. DP
photo_camera Traballadores de Ence no exterior dos xulgados. DP

Os xulgados da Parda acolleron este luns a primeira toma de declaración dunha das persoas investigadas tras o 'asalto á alcaldía' ocorrido o pasado once de marzo que tivo como protagonistas a numerosos traballadores de Ence que apuntan ao primeiro edil pontevedrés como responsable da decisión da Audiencia Nacional que deixa no aire a continuidade da empresa pasteira no seu actual emprazamento de Lourizán.

O empregado é o primeiro dos trece que comparecerán en calidade de investigados por uns feitos aínda non cualificados pero que poderían acabar en desordes públicas. O Xulgado de Instrución 1 da cidade do Lérez tomou as rendas destas dilixencias tras recibir o ateigado asinado pola Policía Local de Pontevedra, cuxos axentes tiveron que mediar ante a actitude de fustrigación ao rexedor que mostraron algúns dos alí presentes.

Fontes xudiciais sinalaron que o traballador de Ence non prestou declaración á espera de contar con todos os datos relacionados coa fase instrutora do asunto.

Nos exteriores do edificio xudicial, o comparecente contou co apoio dun nutrido grupo de compañeiros, que mostraron unha pancarta en contra do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores. Fontes sindicais manteñen que os traballadores só están a loitar por manter os seus postos de traballo

Comentarios