Un xulgado de Pontevedra, o primeiro de Galicia en anular unha multa por saltarse o confinamento

A sanción produciuse pola visita a un parque infantil dun pai e a súa filla
Imagen de un juez. GONZALO GARCÍA
photo_camera Imaxe dun xuíz. GONZALO GARCÍA

O Xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 de Pontevedra converteuse no primeiro de Galicia en revogar unha multa imposta por saltarse o confinamento, tras a recente sentenza do Constitucional que declarou nulas as restricións de circulación do primeiro estado de alarma.

O xuíz estimou o recurso que un veciño de Tui presentou contra a resolución da Subdelegación do Goberno, que lle sancionou con 601 euros por saír a un parque infantil, o 31 de marzo de 2020, en compañía da súa filla.

A administración terá que devolverlle os 300,50 euros que abonou no seu día ao acollerse ao desconto por pronto pago, segundo consta na sentenza que foi difundida polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Na súa sentenza, o maxistrado pontevedrés sinala que o fallo do Constitucional subliña "con carácter expreso" que a nulidade do primeiro estado de alarma afecta retroactivamente ás sancións impostas por incumprir o confinamento.

Neste caso, apunta o titular do xulgado, a persoa alegou que baixou ao parque porque a súa filla "entrou en estado de ansiedade" tras varios días de peche e foi sancionada "única e exclusivamente" por incumprir a prohibición de circulación sen causa xustificada.

O Estado, segundo a sentenza, solicitou a suspensión do proceso por descoñecer "o contido detallado" da sentenza do Tribunal Constitucional, á espera de publicarse no BOE.

O maxistrado, con todo, entende que non é necesaria esa espera " pola sinxela razón de que no recurso de inconstitucionalidade foi parte o poder executivo, representado e defendido polo avogado do Estado, quen recibiu xa a notificación do contido íntegro da sentenza, que se publicou completa hai xa uns días na web oficial".

Ademais do fallo do Constitucional, o xuíz advirte de que, neste caso, concorre outra causa adicional de anulación da multa, "por infrinxir os principios de legalidade e tipicidad", pois o recorrente e a súa filla regresaron ao seu domicilio cando llo requiriu a Garda Civil.

Así, recorda que todos os xulgados contencioso-administrativos da provincia de Pontevedra emitiron "multitude de sentenzas sobre casos análogos" nas que anularon as sancións ao non desobedecer os multados unha orde directa ditada por un axente da autoridade, senón os mandatos dunha disposición de carácter xeral.

Contra esta resolución, que impón á Administración do Estado o pago das costas do litixio, non cabe interpor recurso.

Comentarios