Xulgan un acusado de obrigar a prostituírse a súa noiva durante un ano

O home, de nacionalidade romanesa e con outra imputación similar, ameazou a muller con vender a súa filla e golpeala
Audiencia Provincial de Oviedo. EP
photo_camera Audiencia Provincial de Oviedo. EP

Un cidadán romanés enfróntase a unha pena de 15 anos de prisión e liberdade vixiada durante dez acusado de prostituír a dúas mulleres baixo ameazas e agresións en Avilés e Pontevedra.

Segundo relata o Ministerio Fiscal, o acusado coñeceu en marzo de 2015 nunha discoteca de Oviedo unha muller da súa mesma nacionalidade, á que ofreceu irse con el a Pontevedra e iniciar así unha relación sentimental, comezando a convivencia tres meses despois. Aos tres días de chegar á cidade do Lérez, propúxolle que se prostituíse, negándose ela nun primeiro momento, pero obrigouna baixo a ameaza de vender a súa filla, que estaba en Romanía, e con golpeala por todo o corpo.

A Fiscalía mantén que o acusado chegou a quitarlle a tarxeta do teléfono para impedir que se comunicase con terceiras persoas e cambiáballe constantemente o número de móbil, polo que exerceu a prostitución desde xuño de 2015 ata marzo de 2016, cando conseguiu escapar.

INCLUSO EMBARAZADA. A muller traballaba desde as cinco da tarde a tres da madrugada, de luns a domingo, incluso estando enferma e durante o embarazo. O Ministerio Fiscal argumenta que a vítima entregaba todas as ganancias do día ao acusado, entre 100 e 200 euros, e tamén tivo que realizar envíos a Romanía a través de 38 operacións por un total de 7.165 euros.

Con anterioridade a estes feitos, en marzo de 2019, a acusación sostén que este home coñeceu a unha muller, que actualmente é testemuña protexida, no Club Delphos de Oviedo e ambos iniciaron unha relación sentimental pola cal se foron a vivir a Avilés.

A muller traballaba desde as cinco da tarde a tres da madrugada, de luns a domingo, incluso estando enferma e durante o embarazo

Ao cabo dunha semana, o acusado díxolle que, como non tiñan diñeiro, tiña que exercer a prostitución na rúa e ela opúxose, pero foi obrigada polo seu compañeiro sentimental que a agredía cada vez que se negaba.

A Fiscalía asegura que o acusado coartaba a súa liberdade de movementos, quitáralle a súa documentación persoal e non tiña as chaves do domicilio.

A testemuña protexida tiña que entregarlle ao final da xornada todo o diñeiro obtido exercendo a prostitución, uns 200 euros, e noutras ocasións, cando el se ía a Romanía, facíalle enviarlle ese diñeiro.

Deste xeito, a muller realizou 48 operacións de envío de diñeiro a Romanía durante o período comprendido entre o 16 de marzo de 2010 e o 12 de decembro de 2011 por un total de 15.784 euros, con destinatario o acusado ou terceiros e puido escapar finalmente ese mesmo mes de decembro.

No xuízo que se celebrará o vindeiro martes na Audiencia Provincial de Oviedo, o home afrontará acusacións de senllos delitos de prostitución coactiva e un delito de branqueo de capitais continuado.