A Xunqueira II gaña un dos premios do Concurso de Novos Poliedros

O alumnado do instituto pontevedrés participou cunha figura nomeada Xunqueiredro II
O alumnado pontevedrés na entrega do premio. CEDIDA
photo_camera O alumnado pontevedrés na entrega do premio. CEDIDA

O IES A Xunqueira II de Pontevedra foi un dos seis institutos gañadores do primeiro Concurso de Novos Poliedros, convocado por Igaciencia en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística como parte da celebración do Mes da Ciencia en Galego, en novembro.

O pasado mes de novembro entregáronse os premios no Pazo de San Roque, en Santiago de Compostela. O alumnado do instituto pontevedrés participou con Xunqueiredro II. Naomi del Mar Planas Nicó, Joel Bouzada Santos, Jesús Búa Allende e Andrea Erika Banu, estudantes de 1º de Eso, recolleron o galardón en representación dos seus compañeiros do Club de Ciencias, incluidos cinco docentes, e do seu propio curso, que participaron na elaboración. Recibiron o diploma de mans do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.

O obxectivo do certame era "incentivar na rapazada o interese pola ciencia, en particular pola xeometría e pola simetría, amosándolle a súa importancia no estudo do universo, da estrutura química ou dos seres vivos, ao tempo que se promove o uso da lingua galega entre a mocidade".

Así, a partir dun listado de poliedros, os centros participantes elixiron e reproduciron un ou varios deles utilizando o material que tivesen da súa man, desde impresoras 3D ata simples cartolinas, e, finalmente, nomeárono cun nome en galego. Tamén contaba a posibilidade de inmatriculalo, de darlle un nome galego e universal. O poliedro pontevedrés xa ten o seu oco na Galipedia.

O Xunqueiredro é un poliedro composto por 80 caras que son triángulos equiláteros iguais de lado 10 centímetros. "En cada cara está representado o punto de vista de cada un de nós, unha forma diferente para tentar poñerlle solución aos retos aos que se ten que enfrontar a sociedade nos próximos anos: a Axenda 2030 dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible", explica o proxecto.

Os outros gañadores foron o IES Nº1, do Carballiño; IES Ramón Menéndez Pidal, da Coruña; IES Camilo José Cela, de Padrón; o CPI Dr. López Suárez, de Friol; e o IES de Meaño. Neste caso, un grupo de 28 alumnos de 4º da Eso presentaron un octaedro estrelangular. Os gañadores conseguiron un premio de 100 para o seu respectivo instituto e un lote de libros en galego.

Comentarios