A Xunta acepta asumir a unidade pontevedresa de drogodependencia

A comisión de Sanidade do Parlamento votou a favor da proposta, presentada pola deputada socialista Paloma Castro
A deputada Paloma Castro, durante a súa intervención. DP
photo_camera A deputada Paloma Castro, durante a súa intervención. DP

A Comisión de Sanidade aprobou onte unha proposición non de Lei do grupo socialista para reclamarlle á Xunta que incorpore no Sergas á Unidade de Atención á Drogodependencia de Pontevedra, que xestiona o Concello a pesares de que é un servizo sanitario competencia do goberno galego. A parlamentaria socialista Paloma Castro presentou esta iniciativa, que foi aceptada por unanimidade logo dun acordo de transacción co PP.

Castro urxiulle á Xunta a cumprir con este mandato parlamentario -que fora aprobado previamente en Pleno- "logo de décadas de trato discriminatorio á rede de unidades de atención á drogodependencia de Galicia, que atenden a máis de 13.000 persoas con adiccións ao ano, e ademais é un servizo sanitario". Reclamoulle á Xunta que "poñan solución a tanta desidia" e comecen coa integración deste servizo asistencial, sinaladamente o de Pontevedra.

Responsabilizou ao goberno galego de ter paralizado o proxecto de integración da rede asistencial no Sergas, logo de 12 anos nos que obrigou aos concellos e ONGs a manter a xestión duns recursos sanitarios que son da exclusiva competencia do goberno galego. Sinalou que este é o "momento perfecto" para integrar o servizo asumindo a contratación dos novos profesionais logo das xubilacións, e asumindo ademais a súa integración funcional.

Acusou á Xunta de levar 12 anos "centrados en desmantelar a estrutura e actividade" das UAD, "con medidas como a supresión da subdirección xeral de Saúde Mental e Drogodependencias, ou unha posición de obstrucionismo do recoñecemento da Rede de Tratamento de Condutas Aditivas de Galicia". Castro sinalou o caso concreto da Unidade de Atención á Drogodependencia de Pontevedra, que se atopa "nunha situación de anormalidade total", xa que "non encaixa no normal funcionamento dunha Administración local". O persoal depende do Concello

Urxiu ao goberno galego que cumpra co acordo aprobado este venres e "inicie os trámites para a integración deste servizo asistencial no Sergas, nomeadamente en Pontevedra, que se atopa nunha situación adecuada". 

Sinalou que "é a hora de poñer solución a tanto desleixo", xa que a Xunta "ten a obriga de darlle resposta con medidas como a de elaborar un plan de atención aos trastornos aditivos, dentro do ámbito da asistencia especializada e enmarcado nas estratexias de saúde mental", solucionando "dunha vez por todas" a "normalización da asistencia sanitaria a esta complexa patoloxía". 

Comentarios