A Xunta adxudica o emisario de Praceres por 10 millóns e un prazo de 18 meses

Veciños de Lourizán insisten en que "non é a opción máis sostible nin a mellor solución"
2020060718145568271
photo_camera Vista aérea da depuradora de Praceres. DP

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de adxudicar a elaboración do proxecto e a execución das obras do novo emisario submarino da Estación Depuradora de Augas Residuais de Praceres, EDAR, por algo máis de 10,1 millóns de euros.

A obra hidráulica, declarada de interese da Comunidade autónoma no Plan hidrolóxico da demarcación hidrográfica de Galicia-Costa, foi adxudicada á empresa Copasa cun prazo de execución de 18 meses. Destes, tres serán destinados á redacción de proxecto e os 15 restantes para a execución das obras.

A previsión é que os traballos poidan iniciarse este mesmo ano. A actuación divídese en dúas partes: a obra terrestre, que se corresponde coa execución da cámara de carga e estación de bombeo a emisario, e a construción do emisario submarino. Segundo fontes oficiais da Consellería, as obras proxectadas darán servizo a unha poboación aproximada de 141.204 habitantes (a que se calcula para o ano 2042) e permitirá separar os vertidos industriais e os residuais mediante un novo emisario cunhas "dimensións axeitada ás necesidades actuais e futuras".

O proxecto incorporou varias modificacións co fin de dar solución ás cuestións suxeridas no proceso de información pública, o que supuxo un incremento duns dous millóns de euros no orzamento. Como resultado, modifícase a localización da cámara de carga e da estación de bombeo a fin de reducir o seu impacto visual, deixando libre a fachada litoral. E tamén se incrementa a lonxitude do tramo inicial no túnel do emisario de cara a non afectar aos bancos marisqueiros a pé de Praceres, "sen que esta medida implique un incremento do volume de escavación".

CRÍTICAS VECIÑAIS. A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade insiste en que "o saneamento da ría de Pontevedra é unha das principais prioridades para os próximos anos en materia de actuacións hidráulicas". Á parte do emisario, indica que a mell​ora e ampliación da EDAR implican actuacións coas que pretende ·traballar na recuperación de zonas degradadas pola contaminación da costa" e coas que persigue "mellorar a calidade de vida" da poboación asentada no entorno da ría, contribuindo tamén a "aumentar a competitividade económica e ao fomento do turismo e melloran a produtividade no sector marisqueiro".

Porén, a opinión da plataforma opositora á ampliación da depuradora segue ser contraria a estas actuacións. De feito, veciños de Lourizán enviaron este sábado un comunicado no que "lamentan profundamente" que Augas de Galicia saque a concurso o novo emisario sen esperar "a un posible cambio de Goberno da Xunta como resultado das eleccións autonómicas", previstas para o 12 de xullo, pois consideran que dificulta "un posible cambio de rumbo no que se refire ao modelo de saneamento da ría".

Segundo indican, "o que máis molesta é a propaganda política que aproveitan para repetir en cada anuncio, vertendo ideas que non se corresponden coa verdade". "A aposta polo novo emisario obedece unicamente aos intereses partidistas da Xunta de Feijóo e á súa alianza coa empresa Ence. É unha tomadura de pelo que afirmen que modificaron o proxecto para deixar libre a fachada litoral e que teña menos impacto visual, cando a Xunta pretende consolidar o Dominio Público Marítimo Terrestre por varias xeracións".

A previsión é que o actual emisario quede de uso exclusivo para a pasteira, aínda que o Concello pontevedrés xa ten manifestado que non concedería ningún tipo de licenza neste senso. Así e todo, para a plataforma non é o único punto de discordia. Ao seu xuízo, o novo emisario plantexado pola Consellería "non é a opción máis sostible desde o punto de vista medioambiental" nin "tampouco a mellor solución desde o punto social, polo rexeitamento da veciñanza. Nin sequera desde o punto de vista do turismo ou da marisqueo". Por todo isto, os veciños din confiar "nun cambio político para que se tomen outro tipo de decisións, que antepoñan os intereses xerais".

A obra será completada coa reforma da EDAR
A construción do emisario, cofinanciado pola UE nun 80% a través do Programa FEDER 2014- 2020, será complementado con outras dúas actuacións. A primeira delas consiste na mellora do proceso de depuración da EDAR, adxudicada a Acciona Construcción, S.A. & Acciona Agua S.A. por un importe próximo aos 13 millóns. E a segunda é a ampliación desa mesma depuradora, aínda en fase de tramitación ambiental e coa previsión de supoñer unha inversión de 50 milóns.

Para evitar sancións. As tres obras foron impulsadas para dar cumprimento aos compromisos adquiridos coa UE, que ameazou con impoñer sancións "millonarias" se non se melloraba o estado da ría pontevedresa. Ademais, forman parte do coñocido como Plan de Saneamento local, elaborado, segundo subliña a Consellería, "tras unha exhaustiva análise do actual sistema, que foi dialogado cos concellos e cos mariscadores".

Comentarios