A Xunta adxudica "en tempo marca" as obras do Gran Montecelo

"Non coñezo ningunha administración que en menos de tres meses licite e adxudique unha actuación de máis de 100 millóns de euros", sinala a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez
undefined
photo_camera Recreación virtual do Gran Montecelo. XUNTA

A Xunta de Galicia deu este luns un paso fundamental na construción do Gran Montecelo coa adxudicación da execución das obras correspondente á primeira fase do novo edificio sanitario. A Administración autonómica prevé que os traballos comecen no mes de maio.

En concreto o contrato foi adxudicado á unión temporal de empresas S.A. de Obras y Servicios, Copasa-Puentes e Calzadas Infraestruturas-Ogmios Proyecto S.L. cun orzamento de máis de 121,87 millóns de euros.

No seu conxunto, a Xunta investirá 155 millóns de euros para dotar a Pontevedra e a veciños da área dun hospital "renovado e de referencia", o Gran Montecelo, xa que nunha segunda fase das obras reformarase o actual edificio hospitalario para posteriormente construír un aparcadoiro cuberto, cun investimento de 25 millóns de euros.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, sinala que este luns foi "un día importante" que demostra que "acertamos con todas as decisións que tomamos para garantir a viabilidade do Gran Montecelo". Ademais, destaca a "celeridade máxima" coa que se desenvolveron os trámites porque, precisa, "en tres meses menos un día (as obras foron licitadas o 7 de decembro de 2020) licitamos e adxudicamos as obras en tempo récord. Non coñezo ningunha administración que neste prazo de menos de tres meses adxudicase unha actuación de máis de 100 millóns de euros".

A Xunta prevé que os traballos, nos que se investirán 155 millóns, comecen en maio

"A implicación da Xunta co Gran Montecelo foi máxima", subliña a titular de Infraestruturas e Mobilidade. No entanto, apunta que "agora toca seguir traballando de forma seria na planificación do inicio das obras".

"Queremos poñer o Gran Montecelo a disposición dos veciños canto antes e garantir a súa viabilidade", recalca Ethel Vázquez. Con ese obxectivo a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade xa vén mantendo reunións de traballo para trazar unha folla de ruta que contempla o inicio en maio das obras do novo edificio. "Efectuaremos un seguimento semanal das obras para garantir que se desenvolvan dentro do prazo previsto. Queremos que sexa no menor prazo posible".

O inmoble, que ocupará unha superficie superior aos 12.500 metros cadrados, estará composto por un primeiro volume distribuído en dúas edificacións, que actuará como base dun segundo volume que albergará as áreas de hospitalización.

Os traballos, que contan cun prazo de execución de 42 meses, consistirán na construción dun novo edificio hospitalario cunha superficie de ao redor de 92.000 metros cadrados distribuídos en 10 plantas.

O Goberno galego precisa que a distribución dos servizos "foi definida polos propios profesionais da sanidade pública"

Concretamente, construirase unha zona de soto, que estará distribuída en dous edificios de cinco plantas: un cara a adiante, no que se situarán as consultas externas que engloban, entre outros servizos, as consultas de hematoloxía, de medicina preventiva, de cardioloxía ou de dixestivo; o outro traseiro no que estarán situadas as urxencias, o bloque cirúrxico, a UCI pediátrica ou os laboratorios, entre outros. Sobre esa zona de soto elevarase un terceiro bloque que se corresponde co edificio de hospitalización.

O novo inmoble estará unido ao resto das instalacións do hospital Montecelo e nel centralizaranse servizos como a área de urxencias, a Unidade de Coidados Intensivos (UCI), a hospitalización con ingreso ou as especialidades de maior complexidade. A atención ambulatoria prestarase nas instalacións actuais de Montecelo, aproveitando os investimentos realizados nos últimos anos para adecualas aos servizos de cirurxía maior ambulatoria, cirurxía de curta estancia, un hospital de día e diversas consultas.

A ampliación do centro sanitario contempla un incremento de 120 camas
A Xunta de Galicia destacou este luns, o día no que asinou o contrato de adxudicación das obras do Gran Montecelo, que mantén a súa aposta por mellorar "a atención hospitalaria", que actualmente se presta en tres centros diferentes e fisicamente separados e afastados: o Centro de Especialidades de Mollavao, o Hospital Provincial e o Hospital Montecelo. 

O Goberno galego precisa que coa ampliación do actual edificio sanitario de Montecelo os profesionais desenvolverán o seu traballo nun único edificio, cunha única porta de Urxencias, sen interferir na actividade asistencial do antigo edificio, co que posteriormente estará conectado. 

Esta distribución, segundo a Xunta, "foi definida polos propios profesionais dá sanidade pública, con achegas de 300 traballadores obtidas en 120 reunións e preto de 2.400 enquisas". 

Ademais, o número de camas pasará de 600 a 720, o que supoñen 120 máis que na actualidade, e as urxencias xa non estarán separadas en dous hospitais, como ocorre agora. Ocuparán un único espazo no novo edificio e terán unha única porta de entrada. Os postos nesta unidade tamén se incrementarán, de 61 a 117. 

Para 50 anos
O Goberno galego fai fincapé en que "coas obras de ampliación e reforma, o Gran Montecelo verá ampliada a súa capacidade para atender as necesidades asistenciais dunha poboación de 26 concellos e os seus máis de 300.000 habitantes, dos próximos 50 anos".

Comentarios