A Xunta ampliará o espazo de almacenaxe da Biblioteca Antonio Odriozola

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, visitou as instalacións do centro pontevedrés
Anxo Lorenzo durante a visita que fixo á Biblioteca Antonio Odriozola. GONZALO GARCÍA
photo_camera Anxo Lorenzo durante a visita que fixo á Biblioteca Antonio Odriozola. GONZALO GARCÍA

A Biblioteca Pública Antonio Odriozola de Pontevedra mellorará as condicións de almacenaxe e depósito dos seus fondos documentais, "aumentando o espazo nas mellores condicións físicas e de seguridade que requiren este tipo de documentos", segundo vén de anunciar a Xunta de Galicia trala visita que o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, realizou este mércores ás instalacións do centro pontevedrés.

Como explicou o propio Lorenzo, en palabras facilitadas pola Consellería de Cultura a través dunha nota, "o Goberno autonómico vén de licitar o servizo de subministración e instalación de armarios móbiles por valor de máis de 60.000 euros". O contrato inclúe as tarefas de traslado dos armarios, descarga e a súa instalación na biblioteca. "Todas estas tarefas realizaranse coas máximas garantías de seguridade, conservación e preservación axeitadas".

Establécese un prazo de dous meses desde a sinatura do contrato.

Anxo Lorenzo recordou que estes traballos en Pontevedra se enmarcan nun compromiso da Consellería de Cultura relacionado con "apoiar e velar polo correcto desenvolvemento do sistema bibliotecario de Galicia, dotando aos centros de mobiliario e equipamento necesario para o cumprimento das súas funcións".

FONDOS. Segundo lembra a Xunta, a Biblioteca Antonio Odriozola conta cunha ampla colección de obras que inclúe desde un fondo antigo de prensa ata diferentes publicacións de narrativa, poesía, teatro, ensaio, xuvenil, banda deseñada, libros de idiomas, lecturas escolares ou o Fondo Pontevedra, con obras sobre a cidade e unha colección accesible con materiais adaptados a persoas con diferentes disfuncións lectoras.

"Ademais, foi incorporando ao longo da súa historia numerosas adquisicións que conforman o fondo especial que inclúe incunables dos séculos XVI, XVII e XVIII, depósitos da colección da Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra e a Colección Sampedro, libros en homenaxe a Losada Diéguez, parte da biblioteca das irmás Mendoza ou fondos da biblioteca do profesor Carlos Villar, entre outras", especifica a Consellería de Cultura.

A de Pontevedra é unha das sete bibliotecas xestionadas polo Goberno autonómico.

Comentarios