Xunta e Deputación activan o traspaso de servizos de competencia autonómica

A primeira reunión a dúas bandas centrouse na Cidade Infantil Príncipe Felipe, pero o bipartito quere ampliar o proceso á Estación do Areeiro, á Escola de Canteiros e á Finca de Mouriscade
Carmela Silva participou este martes en Madrid na FEMP na constitución da Comisión de Deputacións Provinciais. CEDIDA
photo_camera Carmela Silva participou este martes en Madrid na FEMP na constitución da Comisión de Deputacións Provinciais. CEDIDA

Deputación e Xunta iniciaron xa as conversas para levar a cabo unha insistente reivindicación do bipartito: transferir ó Goberno autonómico aqueles servizos que son da súa competencia e que están a supor unha pesada carga para as arcas provinciais.

Os despachos da Consellería de Política Social acolleron este martes a primeira reunión a dúas bandas na que participaron, pola Deputación, a delegada do Centro de Menores Príncipe Felipe, Noemí Outeda, e o director, Manuel García, e pola Xunta, a directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, María Amparo González.

Os primeiros puxeron sobre a mesa a necesidade de chegar a acordos respecto a Príncipe Felipe, que é unha competencia exclusiva da Xunta a pesar que segue a depender da institución provincial. Amparo González aceptou trasladar á conselleira, Fabiola García, a proposta da Deputación de crear unha comisión técnica que estude, avalíe e avance prazos e recursos da futura transferencia da Cidade Infantil á Xunta de Galicia, "unha comisión que a Deputación non entendería que se rexeitase por parte do goberno galego", segundo sinalaron os seus representantes.

PETICIÓNS. O lote de traspasos plantexados polo bipartito inclúen, xunto a Príncipe Felipe, a Estación Fitopatolóxica de Areeiro, a Finca de Mouriscade e a Escola de Cantería, amais da Escola de Enfermería, que no seu caso estase a tratar coa Universidade de Vigo.

Neste sentido, a institución provincial remitiu nas últimas semanas escritos ás consellerías da Xunta que estarían implicadas nestas transferencias para iniciar os contactos entre ambas as dúas institucións.

Mentres a transferencia de Príncipe Felipe non sexa unha realidade, na reunión do martes acordouse comezar a falar "de xeito inmediato" da renovación do próximo convenio do Centro de Atención de Menores.

Para elo, a Deputación instou á directora xeral de Familia á elaboración dun calendario de costes co fin de incrementar a aportación económica que fai a Xunta para a atención dos nenos de Príncipe Felipe, co obxectivo de igualar as cantidades que destina a outros centros educativos.

"Trátase, en definitiva de rematar coa discriminación actual que supón que a Consellería de Política Social estea a pagar catro veces menos pola atención a cada menor atendido en Príncipe Felipe en comparación co que aporta pola atención a menores que están en centros privados galegos", apunta o bipartito.

A deputada Noemí Outeda e o director do Centro Príncipe Felipe, Manuel García, tamén trasladaron a Amparo González o escrito que a Deputación remitiu á conselleira de Educación, Carmen Pomar, para concertar un próximo encontro cara a analizar a situación do resto dos centros educativos que actualmente se atopan na Cidade Infantil e que, igualmente, son de competencia directa da Xunta de Galicia.

En tanto non cristalice esa transferencia, o goberno de Carmela Silva quere iniciar as conversacións cara ao próximo convenio a fin de abordar a situación das edificacións, algunhas con deterioro severo, e con urxente necesidade de investimentos. Para iso, se intentará concretar un protocolo de actuación entre ambas as dúas institucións.

Comentarios