A Xunta inicia a restauración da Basílica de Santa María

Os traballos comezaron coa impermeabilización da cuberta para evitar filtracións
2020111312350022552
photo_camera Un momento da visita de Luisa Piñeiro á Real Basílica. DAVID FREIRE

A Real Basílica de Santa María a Maior está en obras. A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria iniciou os traballos de restauración e conservación preventiva do templo cun investimento de máis de 275.000 euros.

A delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, acompañada pola directora xeral de Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez Insua, supervisou este xoves a actuación, que conta cun prazo de execución de catro meses. Os traballos comezaron pola cuberta da nave principal co obxectivo de mellorar a súa impermeabilización.

A finalidade desta intervención é "garantir a protección e conservación dun dos bens máis recoñecibles do patrimonio arquitectónico da cidade de Pontevedra", segundo precisou Luisa Piñeiro. Ademais, destacou "o compromiso do Goberno galego coa conservación, restauración e protección dos bens culturais que, no caso da provincia de Pontevedra, tradúcese neste momento en preto de dez intervencións que contan cun investimento de máis de 2,3 millóns de euros".

A actuación ten un prazo de execución de catro meses

A reparación da cuberta ten como finalidade emendar a actual deterioración para eliminar as filtracións de auga de choiva por canles, terrazas e faldróns. Neste sentido, está previsto cambiar as tellas e repoñer algunhas placas deterioradas, así como mellorar as canles de evacuación de auga da cuberta, que se vai a impermeabilizar, xunto coa terraza da torre do campanario.

A continuación actuarase sobre as carpinterías das vidreiras (que é preciso restaurar para mellorar as condicións de ventilación) e na crestería de remate da cuberta (para garantir a súa estabilidade e seguridade). Os traballos de restauración completaranse coa limpeza e rexuntado con morteiro da cal das fachadas Sur e da ábsida.

A Real Basílica de Santa María a Maior, que goza da consideración de Ben de Interese Cultural coa categoría de monumento desde 1931, foi construída a finais do século XV ou principios do XVI nun lugar no que previamente existía unha igrexa románica, dominando o río Lérez e aberta ao barrio da Moureira, na que se asentaban os mareantes, cuxo gremio promoveu e custeou as obras do emblemático templo.

Entre os elementos de interese do edificio relixioso (un dos monumentos máis visitados da cidade) destaca a súa portada de estilo plateresco que, a modo de tapiz, queda enmarcada entre dous contrafortes. Ademais, conta con figuras e motivos decorativos no conxunto, entre os que resaltan os grupos escultóricos da Asunción da Virxe e do Tránsito.

Comentarios