A Xunta licita a senda peonil de Alba e pagará as expropiacións na primavera

A obra, que mellorará a seguridade viaria na PO-225, sae a contratación por 589.507 euros
Recreación de la pasarela que se hará sobre el río Rons. XUNTA
photo_camera Recreación da pasarela que se fará sobre o río Rons.

A Consellería de Infraestruturas licitou este xoves a construción da senda peonil entre San Caetano e Alba. O itinerario, que mellorará a seguridade viaria na PO-225, considerada un dos principais puntos negros das estradas que atravesan o municipio, terá unha lonxitude duns 600 metros. O orzamento de contratación ascende a 589.507,44 euros (Iva incluído) e o prazo de execución das obras será de seis meses.

O obxectivo do Goberno galego é que a actuación se realice durante o presente exercicio, é dicir, antes do Ano Xacobeo de 2021. Desta forma evitarase situacións de risco para os peregrinos que a diario transitan por esta zona, que é paso obrigado para as persoas que fan o Camiño Portugués a Santiago.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou este xoves a parroquia en compañía do xefe territorial de Infraestruturas, José Luís Díez, e do xefe da Axencia Galega de Infraestruturas, Manuel Ángel González Juanatey. "Debemos destacar que a intervención nesta estrada non só destaca pola execución da senda, senón pola posta en valor de toda a súa contorna", dixo Cores Tourís a través dun comunicado de prensa, no que non se fixo ningunha mención á variante de Alba, un proxecto que a Xunta meteu no caixón por falta de consenso veciñal.

A construción do itinerario seguro entre as estradas de Vilagarcía (PO-531) e de Santiago (N-550) partirá do paso elevado do tren e discorrerá pola marxe esquerda, onde se atopan dúas concorridas naves empresariais e a capela de San Caetano onde existe unha zona con risco de accidentes.

Na área industrial, os aparcadoiros desprazaranse alén da estrada, ocupando a senda o lado esquerdo. A Xunta tamén prevé crear unha pasarela sobre o río Rons para evitar que os viandantes crucen no estrechamiento da ponte. A instalación terá unha lonxitude de 13,10 metros.

A obra obrigará tamén a rectificar a curva existente na PO-225, a reordenar varias interseccións, a arranxar a praza lindeira coa capela e a creación dunha franxa axardinada de separación entre a calzada e a senda naquelas zonas onde sexa posible. Ademais aproveitarase para mellorar a rede de drenaxe de augas pluviais e para facer varios muros de contención. O pavimento da senda será diferenciado da área de tránsito de coches para mellorar a seguridade.

Para executar a obra será necesario expropiar 36 leiras, cuxo custo ascenderá a 51.418,94 euros. O pago aos veciños na primavera.

Comentarios