O xurado máis esixente do Xunqueira 1 elixe ás gañadoras de Univisión

Candela Rodríguez e Lucía Roda fixéronse coa cuarta edición do certame do certame grazas polo vídeo que fixeron coa canción The Family Madrigal, da película de animación Encanto
Gala celebrada este mércores na Escola de Forestais. DUVI
photo_camera Gala celebrada este mércores na Escola de Forestais. DUVI

Candela Rodríguez e Lucía Rodal son as dúas alumnas da Facultade de Educación que este mércores se fixeron coa cuarta edición do certame de Univisión grazas á interpretación que fixeron da canción The Family Madrigal, da película de animación Encanto. Un total de 73 alumnos e alumnas do CEIP A Xunqueira I foi o esixente xurado da actividade que emula o formato dun concurso de talentos, no que a cativada puntúa unha serie de vídeos nos que estudantes da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte interpretan diferentes cancións en inglés.

Promovido pola profesora deste centro Inés Lareo e pola docente do CEIP A Xunqueira I Carmen Quinteiro, o certame, que se celebrou de xeito presencial por primeira vez, tivo lugar na Escola de Forestais. Despois de que os nenos e nenas fixeran públicas as puntuacións acadadas polos diferentes vídeos finalistas, Univisión completouse coa entrega do trofeo ás gañadoras.

Gala celebrada este mércores na Escola de Forestais. DUVI
Gala celebrada este mércores na Escola de Forestais. DUVI

Realizado por primeira vez en 2020, a primeira edición presencial desta actividade contou tamén co maior xurado infantil ata a data, alumnado de primeiro e cuarto curso de primaria do CEIP A Xunqueira I. Aínda que o nome das gañadoras non se coñeceu ata o peche da gala, o xurado xa avaliaran previamente nas súas aulas os 40 vídeos que realizaron para esta actividade preto de 70 alumnas e alumnos da materia Idioma estranxeiro da facultade.

Tal e como explicou Lareo na UVigo, as puntuacións que ían outorgando aos diferentes vídeos non se centraron en quen cantaba mellor ou peor, senón que os escolares tiveron en conta as coreografías e o vestiario, ata "os efectos técnicos e o entusiasmo amosado polos participantes", así como a integración das pezas da lingua de signos, por contar no xurado cunha estudante con problemas auditivos.

As puntuacións outorgadas, salientou Lareo, "en votacións segredas", determinaron a selección dos dez vídeos finalistas que se proxectaron este mércores, tras os que os nenos e nenas ían facendo pública a puntuación outorgada a cada un.

"Foi algo moi disputado, que tivemos que discutir nas clases, xa que había diferentes criterios e moitas opinións", recoñeceu pola súa banda Carmen Quinteiro neste acto. Así mesmo, tamén se entregou un agasallo ao segundo vídeo con maior puntuación, realizado por Laura Cereijo e Lucía Deaño.

Comentarios