Yolanda Díaz, número un de En Común-Unidas Podemos por Pontevedra

"Quen saíu da crise foi a causante da mesma: a banca"

"A xente non é parva e sabe a quen votar", afirma Díaz sobre a posible confusión electoral entre seu partido e En Marea, formación á que pertenceu e da que agora di que só ten "unha marca". A candidata tamén avoga por "nacionalizar" a AP-9 para que sexa "gratuíta" e por "sacar a Ence da ría"

Yolanda Díaz nun mitin celebrado a semana pasada en Pontevedra. RAFA FARIÑA
photo_camera Yolanda Díaz nun mitin celebrado a semana pasada en Pontevedra. RAFA FARIÑA

En Común-Unidas Podemos é unha das 13 candidaturas que o domingo aspiran a rabuñar algún dos sete escanos que Pontevedra aportará ó Congreso. Yolanda Díaz encabeza este proxecto. Este martes falou por teléfono co Diario sobre o 28-A.

Como está a ver a campaña?
É unha campaña en tempos excepcionais. Hai un balbordo extraordinario e unha carencia coma nunca de plantexamentos serios para dar saída aos graves problemas da sociedade española, que son o paro, os problemas socioeconómicos e a corrupción. Quen saíu da crise foi a causante da mesma: a banca. Disto non se fala.

Vostede é cabeza de lista por Pontevedra sendo de Ferrol. Que lle pareceu que Abel Caballero se referira a esta cuestión como "colonialismo político"?
Son a candidata de Galicia. Abel Caballero debería preocuparse por outras cousas. Síntome moi honrada de representar a todos os galegos e galegas. Eu represento ó noso país dende hai tres anos. E temos a sorte de que o noso grupo parlamentario foi recoñecido en Madrid.

Unidas Podemos e En Marea competirán o domingo polos mesmos votantes. Cal é a diferencia entre os dous partidos?
Eu non vou falar de En Marea, porque o único que teñen é unha marca. Nós temos o mellor proxecto para este país e unha candidatura fortísima para a Presidencia do Goberno, que é a de Pablo Iglesias. Levamos tres anos de bagaxe e de defensa de Galicia. Nós fomos as que arrancamos a negociación máis relevante na historia democrática coa suba do salario mínimo... Temos candidatos e candidatas máis que recoñecidos e recoñecibles neste país.

Preguntáballo pola posible confusión do elector á hora de votar...
Ás veces, dende o mundo do xornalismo e do da política minusvaloramos á xente. A xente non é parva e sabe a quen quere votar. Saben que Yolanda Díaz representa a En Común-Unidas Podemos. Esta é a nosa marca. E sabe que temos un candidato á Presidencia do Goberno que se chama Pablo Iglesias, sabe que imos con Irene Montero, con Ada Colau, con Alberto Garzón...

Ence está moi presente na campaña electoral. Cre que o traslado de Ence en Galicia é viable?
Fomos o único grupo que, cando se fixo esa prórroga indecente no Goberno en funcións de Mariano Rajoy, non só denunciamos ese feito, senón que interpuxemos un recurso diante do Constitucional para paralizar esta barbaridade xurídica. Foi unha auténtica falcatruada. A nosa posición é clarísima: sacar Ence da ría de Pontevedra. É un problema de saúde pública. Non podemos ter esa fábrica aí. Ao mesmo tempo que digo isto, lembro que hai que darlle unha saída os traballadores que están afectados por esta decisión. E mesmo tamén sería bo que os distintos gobernos, tanto da Xunta como dos ministerios afectados, se impliquen nesta cuestión. Está moi ben que o PSOE se retire dese recurso porque llo di a Avogacía do Estado, pero cando se deu a prórroga ninguén nos acompañou.

Vostede solicitoulle sen éxito ó Goberno de Rajoy que lle retirara o nome ó colexio Salvador Moreno. O Goberno de Sánchez tampouco o fixo. Que opina?
Eu podo entender que o PP respondera o que respondeu (manter o nome polo seu "legado y servicio" á Armada), aínda que é tremendo porque estamos a falar dun nome que representa nun centro de ensino o peor da nosa historia. Dende que goberna Pedro Sánchez pedín o mesmo e non fomos quen de que isto se movera. Hai que ter valentía. Por iso pedimos un Goberno valente para enfrontarse ós que mandan.

Cre que chegará finalmente o traspaso da AP-9 a Galicia?
A nosa proposta é clarísima: queremos nacionalizar a AP-9. Queremos que sexa galega, pública e gratuíta. Esta infraestrutura está máis que amortizada. Hai que rescatala e facela pública e gratuíta. É a vía peor xestionada, a máis cara e a que ten peores servizos. O tratamento do bipartidismo (PP e PSOE) golpea a Galicia neste asunto.

Di o BNG que Galicia non tivo voz en Madrid dende 2015.
Son consideracións dunha organización á que non pertenzo.

A vostede sitúana como posible ministra de Industria se houbera goberno entre PSOE e Podemos...
Non me ocupan estas cuestións. O que me ocupa é que os galegos e galegas voten masivamente e con certeza o día 28 para evitar que o Partido Socialista faga vicepresidente a Ciudadanos. Isto é o que me preocupa.

O do pacto entre PSOE e Cs preocúpalle moito a Pablo Iglesias...
Pablo Iglesias increpoulle a Pedro Sánchez ata en tres ocasións que dixera se quería pactar con Ciudadanos. O programa do PSOE non concreta nada. Todo está aberto. Esta é a incógnita destas eleccións. Por iso pedimos o voto para nós. Para que Pedro Sánchez non faga vicepresidente a Albert Rivera.

Comentarios