Yoya Blanco insta "a deixar máis cartos no comercio local e menos nos petos de Jeff Bezos"

A edil cre que é o momento de "mercar aos que están preto de nós"
Pontevedreses coas súas compras pasan diante dun comercio cun cartel promocional. DAVID FREIRE - Black Friday
photo_camera Pontevedreses coas súas compras pasan diante dun comercio cun cartel promocional. DAVID FREIRE

A concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, fixo este mércores un chamamento de apoio ó comercio local e instou ós cidadáns que teñan previsto facer algunha compra neste Black Friday a deixar máis cartos nos negocios pontevedreses "e menos nos petos de Jeff Bezos (fundador de Amazon), que sen dúbida vai ter unhas festas moito máis folgadas que a media dos nosos comerciantes".

Animou ós pontevedreses cidadáns "a ser moi #PonteLovers e, dado que son moitos os que se deixarán levar pola voráxine desta xornada, a comprar agasallos a través dun marketplace que é moito máis interesante que Amazon, que se chama E-Ponte.com e cuxa filosofía é exactamente a contraria que a dese xigante monopolista: mercar aos que están preto de nós nesta era de compra-venta online marcada pola pandemia".

Non obstante, Blanco defende que "agora máis que nunca é o momento de facer compras intelixentes e espazadas no tempo, en lugar de concentralas nun Black Friday, que en moitas ocasións non ofrece realmente esas rebaixas tan apetecibles que anuncia".

Neste sentido, a impulsora da plataforma #PonteLovers e de E-Ponte.com afirma que "se hai unha situación histórica para apostar polos artigos de primeira calidade que ofrecen os nosos comerciantes e para poñer en valor a súa atención especializada, estamos nela. Eu estarei dende logo moi atenta nestes días e semanas ás ofertas do noso marketplace e dos escaparates".

Comentarios