Abre o prazo de ofertas para as 55 bancadas e nove casetas libres do primeiro andar do Mercado

Yoya Blanco levará o vindeiro luns á xunta de goberno o expediente e o prego de condicións que rexerá a poxa para a concesión
Blanco, no Mercado de Abastos. DP
photo_camera Blanco, no Mercado de Abastos. DP

A concelleira de Promoción Económica de Pontevedra, Yoya Blanco, asinou este mércores pola  mañá o expediente para sacar a licitación as 55 bancadas e 9 casetas dispoñibles no primeiro andar do Mercado de Abastos. 

A edil socialista levará o vindeiro luns á xunta de goberno local para a súa aprobación definitiva o prego de prescricións técnicas e cláusulas administrativas que rexerán o procedemento de poxa para a concesión destes postos baleiros, así como a orde de apertura dun prazo de licitación e presentación de ofertas.

Blanco explica que "unha vez que lle dea luz verde ao expediente, os interesados disporán dun período de 30 días hábiles, contados a partires do día seguinte ao da publicación do anuncio no Boletín Oficial da Provincia (BOP), para presentar as súas propostas".

"Tamén se publicarán o anuncio de licitación e os pregos de condicións no Perfil do Contratante da sede electrónica do Concello de Pontevedra (sede.pontevedra.gal) durante o prazo de presentación de ofertas", sinala a concelleira.

En concreto, o procedemento permitirá sacar a concurso, mediante a fórmula de libre concorrencia por poxa, 55 bancadas das 114 existentes no Mercado –hai 59 ocupadas, 15 delas de flores–, 52 bancadas de peixe e 3 de froita, así como 6 casetas interiores de carne das 30 casetas interiores que hai e 2 casetas exteriores de confección e 1 de prensa das 19 casetas exteriores que ten o primeiro andar –das 49 casetas existentes, 9 saen a poxa e 40 están ocupadas–.

Os concesionarios deberán satisfacer as taxas correspondentes melloradas á alza segundo as súas propostas, fixándose o importe destes canons polo prazo total de concesión, que é de 25 anos.

As taxas mínimas que se deben ofertar polos licitadores por cada número de posto, en función do seu tipo, serán os seguintes (canon base a 25 anos): bancada de peixe, 3.872,07 euros; bancada de froita, 3.872,02 euros; caseta interior, entre 9.680,16 e 13.552,23 euros, e caseta exterior, 8.131,34 euros.

As ofertas que se formulen por debaixo destes mínimos serán rexeitadas e os licitadores excluídos do procedemento.

TAXAS MENSUAIS. Todos solicitantes que estean propostos para ser beneficiarios das concesións están obrigados a presentar autoliquidación e realizar o pagamento do canon ofertado.

Independentemente do pago do canon mínimo, os adxudicatarios deberán satisfacer mensualmente, durante a vixencia da concesión, as taxas de servizo establecidas na ordenanza fiscal reguladora da taxa pola prestación de servizos nos mercados municipais, a saber: bancada de peixe, 38,03 euros mensuais; bancada de froita, 40,81 euros; caseta interior, entre 55,86 e 78,20 euros, e caseta exterior, 46,92.

Así mesmo, correrán por conta de cada concesionario os tributos relativos ao exercicio de cada actividade, os que graven a constitución destas concesións, os de formalización pública dos títulos das concesións e demais derivados das propias concesións.

Blanco subliñou que "para poder participar neste procedemento, os empresarios interesados deberán acreditar a súa solvencia económica, técnica e profesional".

Comentarios