Yoya Blanco pon en marcha a segunda fase do Plan Reinicia Turismo

A concelleira constata que as mentorías desenvolvidas pola consultora Albur Atlántico inícianse con 28 empresas, “das que 13 non participaran na primeira fase do proxecto”
Yoya Blanco, recibindo a un grupo de turistas o pasado verán. DP
photo_camera Yoya Blanco, recibindo a un grupo de turistas o pasado verán. DP

A consultora Albur Atlántico celebrou esta mañá de xoves por vía telemática a primeira das mentorías programadas na segunda fase do Plan Reinicia Turismo, o proxecto impulsado pola Concellería de Promoción Económica e Turismo para mellorar as estratexias e competitividade das pemes do sector turístico neste contexto de pandemia. A sesión inaugural estivo protagonizada polo pontevedrés Iago López Roel, doutor en Psicoloxía, que abordou algunhas das ferramentas que se poden empregar para mellorar a Xestión da Incerteza, Crenzas e Confianza.

Segundo explica a concelleira Yoya Blanco, “esta charla é o primeiro paso para orientar aos participantes na concreción dos seus obxectivos e desenvolvemento persoal, poñer o foco nos xeitos de reinventarse e adaptarse a esta nova situación e encamiñar o seu traballo cara á seguinte mentoría, que versará sobre a Xestión do Estrés e a Organización do Tempo”. A socialista constata que “a falta de que poidan producirse novas incorporacións, esta segunda fase do Plan Reinicia Turismo púxose en marcha con 28 empresas (na primeira inscribíranse 25), 13 das cales non participaran na anterior e varias delas con máis dunha persoa inscrita”.

“Entre as pemes que toman parte neste proxecto inclúense axencias de viaxes, turoperadores, aloxamentos turísticos, restaurantes, bares, cafeterías, centros de visitantes e información e empresas dedicadas a actividades turísticas complementarias. Algunhas das empresas que participaran na primeira fase non puideron continuar por situacións de cesamento de actividade e Erte”, apunta a concelleira responsable de Promoción Económica e Turismo.

Tal e como sinala Yoya Blanco, o Plan Reinicia Turismo busca fomentar a conciliación e facilitar que os participantes poidan acceder ás mentorías igualmente no caso de non poder asistir en vivo no horario establecido (decídese en base ao que máis conveña aos inscritos), polo que “se lles ofrece acceso a unha plataforma dixital creada durante a primeira fase do programa”.

Comentarios